Narón-O Centro de Recursos Solidarios entregou 41 toneladas de alimentos e produtos de limpeza e hixiene a familias vulnerables

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e os edís de Benestar Social, Catalina García, e Seguridade Cidadá, Román Romero, desprazáronse na mañá deste  venres ao Centro de Recursos Solidarios, na Gándara, para reunirse con representantes da citada asociación e persoal do Speis e Protección Civil de Narón que continúan traballando no reparto de produtos de primeira necesidade ás familias máis vulnerables.

Ferreiro subliñou que “o traballo que o persoal que atende o centro leva facendo dende que se puxo en marcha e, especialmente, o esforzo que realiza dende que o pasado mes de marzo se decretou o estado de alarma e as consecuencias da crise sanitaria supuxeron un incremento na demanda de alimentos e produtos de hixiene e limpeza que se reparten a través destas instalacións”.

A rexedora local indicou que o pasado ano, entre os meses de abril e decembro recolléronse no Centro de Recursos Solidarios 43 toneladas de produtos de primeira necesidade. “Unha vez máis, a solidariedade das nosas veciñas e veciños queda patente en situacións como a que estamos vivindo e que afectan a moitísimas familias”, asegurou. Ferreiro recordou a campaña impulsada o pasado mes de maio, na que se recaudaron máis de 11 toneladas de alimentos e que contou coa colaboración de 14 establecementos comerciais da cidade e persoal de Protección Civil e do Centro de Recursos Solidarios, que recolleron en diversos puntos da cidade os produtos que a cidadanía ía doando.

A maiores, o Concello recaudou 31.202 euros a través dunha iniciativa impulsada en colaboración coa Xunta de Persoal do Consistorio e na que participaron persoal funcionario e interino do Concello e do Padroado da Cultura e representantes políticos da corporación local, que doaron mensualmente unha cantidade que permitiu aportar máis alimentos e produtos de limpeza e hixiene para atender ás familias máis vulnerables.

Dende o Centro de Recursos Solidarios de Narón, o persoal da asociación e de Protección Civil continúa facendo entrega deses produtos a unhas 400 familias –algo máis de 1.100 persoas- cada mes, organizándose os lotes en función do número e idade de membros da unidade familiar. “O servizo de voluntarios de Protección Civil continúa encargándose de levar alimentos, produtos de hixiene e medicamentos ás persoas que debido a problemas de mobilidade non poden ir a recollelos persoalmente”, destacou a alcaldesa.

Os responsables deste centro agradeceron a colaboración do Concello de Narón para poder continuar axudando ás familias que o precisen e tamén destacaron a implicación do persoal de Protección Civil e do Speis de Narón. “Entre abril e decembro do pasado ano entraron no Centro de Recursos Solidarios 43.660 quilos de produtos de primeira necesidade e entregáronse 41.609 quilos, o que constata a grave situación que atravesan moitas veciñas e veciños da cidade”, indicou Ferreiro.

A alcaldesa asegurou que “dende o goberno local continuaremos colaborando con esta asociación, coa que mantemos tamén un convenio anual, para axudar en todo o posible a aliviar a situación que atravesan esas familias máis vulnerables”.

As instalacións do Centro de Recursos Solidarios de Narón permanecen abertas de luns a venres en horario de mañá e os mércores tamén pola tarde para realizar as entregas, debido a que pola situación sanitaria non se recolle ningún tipo de produto e estanse entregando os que hai almacenados. As persoas que precisen da axuda que alí se ofrece antes de desprazarse ata alí, debido á actual situación sanitaria, deben contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal do Concello (primeiro andar), donde se solicitará cita previa e se confirmará que poden ser receptores desta axuda de alimentos.

Lea también

Axenda en Narón do 13 e 14 de abril de 2024

Sábado 13 de abril de 2024 Actividade: “XIII Feira multisectorial agrícola” Hora: De 11:00 a 14:00 …