O BNG considera «falaz» o comportamento do goberno local coa figura de Carvalho Calero

María do Mar López e Iván Rivas en rolda de prensa antes da pandemia | Adán Puentes

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no Concello de Ferrol, considera «falaz» a actitude do goberno local a respecto da figura de Carvalho Calero. «A mentira ten as patas moi cortas e a un día de celebración do aniversario do pasamento de Carvalho Calero demóstrase que as declaracións feitas a finais do ano pasado nas que o alcalde da cidade afirmaba que daría continuidade aos actos de celebración do ano Carvalho calero ao longo deste 2021 non son máis que declaracións falsas co obxecto de sair do paso diante da negativa da Real Academia Galega a prolongar o día das letras 2020 durante este ano 2021«, afirma.

Coincidindo coa comemoración no día de mañá do aniversario do pasamento do profesor ferrolán, o BNG acusa ao goberno municipal de «ter esquecido todos os compromisos públicos para con el e a súa obra e prolongar a marxinación e silencio ao que foi sometido incluso no ano no que se honraba a súa figura«.

Iván Rivas sinala que esta actitude «deixa as claras a pouca intención que ten o actual goberno de poñer de relevo a verdadeira dimensión do autor ferrolán tanto desde o punto de vista político como lingüístico no que avoga polo reitegracionismo e darlle continuidade aos actos de homenaxe que non se puideron celebrar por mor da crise sanitaria da covid«.

O BNG quere lembrarlle ao alcalde da cidade que o tras un ano 2020 «case en branco» o 2021 «vai polo mesmo camiño e corre o serio risco de que todas as accións que tiña previsto implementar o goberno municipal durante o actual ano van ficar en retóricos pronunciamentos formais ou un simples recordo floral«.

O BNG quere lembrar que o Concello de Ferrol «segue sen impulsar e convocar o premio literario que leva o nome de Carvalho Calero tal e como lle esixiu por unanimidade o pleno municipal en setembro do ano pasado a petición do BNG e que leva sen convocarse desde o ano 2016

Así mesmo o BNG considera que o goberno municipal debe acometer o proxecto de recuperación da que foi casa natal de Carvalho Calero co obxectivo de que sirva como espazo de referencia da súa figura e da cultura galega na cidade.

Lea también

Inauguración en Ferrol de la «II Festa do Marisco de Semana Santa»

Se celebra hasta el próximo domingo bajo una carpa en el muelle ferrolano de Curuxeiras …