Narón-Aspanaes presentou no Concello un servizo de atención temperá para persoas con trastorno do espectro autista

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, mantivo unha xuntanza no Concello de Narón co director de Aspanaes, José Alén, e coa vicepresidenta da entidade, Mercedes Fernández, e a terapeuta ocupacional do Servizo de Promoción Autónomo Persoal, Cristina Santiago. No transcurso da mesma os representantes de Aspanaes abordaron coa edil naronesa diferentes asuntos co obxectivo de manter vías de colaboración e cooperación en diferentes accións e programas.

Unha das propostas sobre as que se ofreceu información á edil naronesa foi o servizo de atención temperá da entidade, que atende a unhas corenta persoas da cidade. García destacou a importancia deste servizo dirixido a persoas con trastorno autista e ás súas familias e coincidiu na importancia de continuar apostando por el co fin de atender as necesidades do colectivo. A concelleira naronesa valorou o resultado do encontro e o traballo realizado dende Aspanaes con persoas con trastorno do espectro autista e recordou que o Concello ten un convenio coa entidade por un importe de
12.000 euros anual para desenvolver diferentes iniciativas e colaborar na prestación de determinados servizos, entre eles o de atención temperá.

Así mesmo, na reunión ofreceuse a posibilidade de que o Concello participe no movemento internacional “Light it up blue”, como mostra de solidariedade e apoio institucional ao colectivo. Dende a entidade solicitan que na tarde noite do venres 2 de abril se ilumine un edificio ou espazo de cor azul para cumprir co reto deste ano, que é acadar que 400 edificios e monumentos emblemáticos de España se tingan de azul polo colectivo TEA, tal e como indicaron dende Aspanaes. García comprometeu a participación do Concello nesta iniciativa “para colaborar dende a nosa cidade no cumprimento dos obxectivos marcados e constatar tamén a través desta iniciativa o noso compromiso co colectivo TEA e as súas familias”.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …