A alma de Pontedeume nos gravados de José Ramón

José Fonte Sardiña
O pintor coruñés José Ramón Iglesias Rivera plasmou a alma de Pontedeume nos gravados que realizara nos anos setenta do pasado século sobre algúns dos máis fermosos recunchos da nosa vila e arredores, que foron publicados polo Concello en
1977 nun libro titulado “Monumentos y lugares más representativos de la comarca eumesa”, sendo alcalde Celestino Sardiña Fernández, reeditado logo en 1993, cando o
máximo rexedor eumés era Belarmino Freire Bujía. Outros dos seus magníficos
gravados e algunhas acuarelas falan nas paredes da Casa do Concello e tamén en moitos fogares eumeses.

No devandito libro, os gravados ían apoiados por pequenos textos de prestixiosos
autores da nosa terra. Acompañando a vista parcial de Pontedeume, aparecen recollidas as palabras de Álvaro Cunqueiro: “A vila está na desembocadura do río Eume. Foi a capital do principado dos Andrade, xente antiga e heroica, quizais descendente de vedrañas liñaxes perdidas nas orixes góticas e cético-romanas. Atópase ao pé dos montes Breamo e Leboreiro, e recibe o seu nome da gran ponte mandada construír polosAndrade […]. O río vai cantando a súa canción cara ao mar”.

Sobre o Torreón dos Andrade, a torre da homenaxe do vello pazo eumés, escribe Ángel
del Castillo que presenta “planta cadrada […], con baixo e tres pisos, dúas portas ―unha de arco apuntado e outra de tímpano semicircular― no primeiro e belidas e grandes xanelas oxivais de arcos trilobulados, parteluces e óculos calados con figuras xeométricas no segundo e no terceiro, e coroada cos canzorros que sostiñan o beiril ameado”. Florencio Vaamonde Lores fala do escudo recuperado do pazo e asegura que “é unha verdadeira obra de arte […] e está orlado con dezaoito bandeiras en lembranza das que don Fernando de Andrade lles gañara aos franceses na batalla de Seminara”.
A rúa da Fontenova sitúase á sombra do templo parroquial. Conta Ramón María
Tenreiro que na igrexa destacan, “dominándoo todo […], as súas torres pregoeiras: o seu señorío gravita sobre a vila […]. En homes e mulleres vense figuras enxoitas, de
magreza penitente; nos rostros graves, nos ollos mansos, treme unha candea de mística arela, de resignación fronte ás miserias terreais”.

O gravado da igrexa parroquial de Pontedeume leva un comentario de Manuel Murguía no que conta que “a xulgar pola capela maior, único resto da antiga edificación, debeu ser obra de importancia; ao exterior, renacemento, e por dentro, do oxival terciario tan propio das construcións relixiosas daquel tempo, coas súas bóvedas de complicada nervadura, arcos con colgantes […]. É cadrada, alta, espazosa, xenerosamente ornamentada, cun arco formeiro fermosísimo, percorrido o piar da cada lado […] por columnas delgadas e arabescas, que, arrincando de aguias, rematan confundíndose na clave desta arquivolta”.
A ilustración da praza das Angustias acolle un texto sobre os cruceiros de A. Rodríguez
Rodríguez, que afirma que a cruz de pedra é “unha piadosa manifestación de fe cristiá. A máis belida […] da arte popular galega; pregoeira do bo labrar dos canteiros do país […]. Simbolismo augusto que nos fala do alén. Expresiva devoción popular que purifica e magnifica a fonda poesía dunha terra esencialmente lírica”.

Sobre a capela de San Miguel de Breamo afirma Carlos Martínez-Barbeito que “no
cumio do monte de Breamo, que domina por completo a vila e a ría enteira, hai unha
encantadora capela románica, moi pura de estilo e moi ben conservada, baixo a
advocación de san Miguel. Desde alí o panorama é tan vasto e fermoso que non existen verbas para describilo. Toda a conca baixa do Eume, o esteiro deica a desembocadura no mar, a vila de Pontedeume coa súa ponte, a praia de Cabanas ―dourada cuncha de area cinguida de piñeiros―, o pobo de Ares alá enfronte. E polo lado oposto, Betanzos e a policromía das Mariñas, A Coruña coa súa torre de Hércules, e á dereita, Ferrol”.

Do castelo de Andrade conta Uxío Carré Aldao “que domina toda esta bisbarra erguido no cume do monte sobre un elevado penedo chamado Pena Leboreira. É coñecido pola xente co nome de castelo de Andrade pois foi erixido no 1369 por Fernán Pérez de Andrade […]. A súa historia é a dos que foron os seus señores. Hoxe, arruinado, tan só conserva a torre da homenaxe […] e as paredes do que debeu ser casa-pazo. A súa excelente situación, que permite gozar dunha espléndida vista que acada afastadas paisaxes imponderables, fai máis verosímil a tradición de que os seus donos eran señores de cantas terras alcanzaban cos seus ollos”.

O mosteiro de San Xoán de Caaveiro mestura nas verbas de Carlos García-Bayón
natureza e arte. “Carballos, acacias, carpazas, toxos, silvas, loureiros, espiños, hedras,
fieitos, ameneiros, eucaliptos, xestas, castiñeiros, piñeiros, sobreiras […], rulas, poupas,corvos, pegas, ouriolos… No miolo Caaveiro […]. A ábsida traza a curva románica gotexada de cancelos, de amplas xanelas, de columniñas […]. Unha torre do XVIII, galardoada de brasóns, empurra o seu torso ao vento. A igrexa ten destripados os sartegos, mais indemne o pórtico. Medra un ciprés no centro da mata brava e as ruínas”.

Sobre o mosteiro de Monfero conta Hipólito de Sá Bravo que “a fachada do templo é,
sen dúbida, o que máis chama a atención do conxunto monástico, polo seu notable
carácter barroco coas súas catro columnas e as dúas pilastras estriadas de orde corintia nos estremos [..]. Cómpre resaltar tamén a posición dos perpiaños alternativamente relevados, como na trazada do almofadado, aínda máis destacada pola distinta tonalidade dos planos, empregándose combinados a pedra de granito e o xisto, o que fai da fachada unha obra orixinal, por ser o único caso de factura semellante en Galicia” .

A Casa Consistorial de Pontedeume é descrita por Antonio Couceiro Freijomil que di
que “é un edificio de dous andares, con tres ventás resgadas cada un, cun balcón no
primeiro deles e un amplo portón […]. Ten acaroada a torre do reloxo, de bastante
altura, con dous sinos e un escudo notable”. Sobre o brasón, Antonio Vázquez Rey
comenta que as súas “armas pertenceron a don Fernando Ruiz de Castro, marqués de Sarria (1506-1575), que casou con dona Tareixa de Andrade, filla do primeiro conde de Andrade, don Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas”.

O texto de presentación, titulado “Pontedeume, encrucillada de mar e terra”, foi
realizado por Manuel Fraga Iribarne e a portada está ilustrada cun debuxo de José Ramón do escudo do Concello co Torreón, o oso e mais o xabaril dos Andrade, a ponte
e o río Eume.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …