Narón-O Concello e o Centro de Recursos Solidarios reuniron 7 toneladas de alimentos

A campaña de recollida de alimentos organizada polo Concello e o Centro de Recursos Solidarios de Narón que se levou a cabo a pasada fin de semana logrou reunir sete toneladas de alimentos grazas ás doazóns realizadas por veciñas e veciños de Narón e doutros concellos e tamén dos propios supermercados Froiz da Gándara, Santa Icía e Freixeiro e do Centro Comercial Narón e do Mercadona. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Benestar Social, Catalina García, desprazáronse  ao Centro
de Recursos Solidarios de Narón, na Gándara, para realizar un balance xunto co responsable da entidade, José Manuel González.

A campaña comezou o pasado venres nos establecementos Lidl da Gándara e do Boial e continuou o sábado, a maiores dos xa citados, nos Froiz de Freixeiro, A Gándara, Santa Icía e O Alto; no Dia do Ponto, no Covirán de Xuvia, na cooperativa de Meirás, en San Mateo e na cooperativa do Val.

Unha vintena de voluntarias e voluntarios de Protección Civil de Narón e do Centro de Recursos Solidarios encargouse de coordinar o operativo a través do que se axudará a máis dun millar de persoas da cidade, unhas 410 familias.

Entre as doazóns, moitas das persoas que colaboraron entregaron, tal e como se solicitaba debido á elevada demanda no Centro de Recursos, leite enteira, aceite, galletas, garbanzos, fariña, azucre, pasta, lentellas, cacao, conservas de todo tipo, produtos de hixiene persoal, de limpeza, do fogar e cueiros. O material almacenouse e clasificouse no Centro de Recursos Solidarios para a súa posterior entrega ás familias máis vulnerables e o responsable do citado centro agradeceu a axuda de todas as persoas que fixeron posible esta campaña.

 

A alcaldesa e a concelleira de Benestar Social destacaron o traballo do persoal voluntario que participou nesta campaña e tamén agradeceron cada unha das doazóns. Ao respecto García asegurou que “é unha satisfacción ver esta gran resposta e o bo talante das persoas para atendernos e realizar esa colaboración solidaria”.

Así mesmo, Ferreiro subliñou que “é precisamente esa colaboración cidadá e o labor desinteresado do persoal voluntario o que nos permite levar a cabo este tipo de campañas que se suman a outras medidas implantadas dende o Concello para axudar ás familias máis vulnerables”.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …