Tres fillos predilectos de Pontedeume na RAG

José Fonte Sardiña
O trinta de setembro de 1906 presentárase oficialmente, no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, a Real Academia Galega, que xa fora constituída o catro de setembro de 1905. No acto conflúen os dous vieiros principais do galeguismo naquela altura; o agrupado arredor de Manuel Murguía, o seu primeiro presidente, que representa a continuidade do programa do Rexurdimento e do Rexionalismo, e o que proviña da vizosa comunidade de emigrantes galegos en Cuba onde naceu, en 1905, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega.

Manuel Murguía

Consonte os seus estatutos a Real Academia Galega é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego; e como finalidades establecer as normas referidas ao uso correcto da lingua galega, consonte o disposto na Lei 3/1983, do quince de xuño, de Normalización Lingüística, do Parlamento de Galicia ―a elaboración da norma gramatical, ortográfica e fónica; o inventario do léxico e a proposta dun dicionario de uso; a modernización e actualización do léxico; estudar e propor a restauración da onomástica galega; velar polos dereitos do idioma galego e defendelo e promovelo; asesorar os poderes públicos e institucións sobre temas relacionados co uso correcto da lingua e coa súa promoción social; estudar e dar a coñecer o patrimonio literario e documental da institución― e decidir a personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Entre os seus membros numerarios ―que son elixidos polo Pleno, gozan de todos os
dereitos e teñen todas as obrigas previstas nos estatutos e nos regulamentos da
institución, entre as que está a de vivir no territorio do dominio lingüístico galego― foi
designado o eumés Antonio Couceiro Freijomil, a proposta dos académicos numerarios Manuel Casás Fernández, Alejandro Barreiro Noya e o coruñés de nacemento mais eumés de sentimento Ángel del Castillo López, e tomou posesión do seu posto o vinte e sete de xullo de 1941, nun momento moi difícil para a institución pola instauración da ditadura franquista despois da Guerra Civil, que levou ao exilio a boa parte dos seus membros.

Ademais da súa monumental “Historia de Puentedeume”, que viu a luz en 1944 e foi
logo editada tamén en galego en 1995, como filólogo, Antonio Couceiro Freijomil
publicou dúas obras transcendentais para a nosa lingua como “El idioma gallego.
Historia. Gramática. Literatura”, en 1935, unha versión, cuxo exemplar me permitiu
consultar o meu amigo Antonio Leira Noche, moi ampliada e mellorada da edición de 1926, e a “Ortografía gallega. Bases para su unificación” de 1929. Entre 1951 e 1953 publica en tres tomos o “Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores gallegos”. Realiza tamén traballos de investigación para o “Boletín da Real Academia Galega” e a revista “Nós”.

O padre Placer e Ramiro Fonte foron elixidos como académicos correspondentes, que son nomeados polo Pleno, colaboran nas tarefas científicas da institución, non
participan nos órganos de goberno e non teñen a obriga de residir no territorio do
dominio lingüístico do galego.

A obra principal do padre Placer está relacionada coa investigación sobre a súa Orde
relixiosa e recollida nos tres tomos publicados en Madrid da “Bibliografía mercedaria”, en 1963, 1968 e 1983, respectivamente. En 1936 publicou un “Refranero gallego”. Sobre o noso Pontedeume, o Concello e a Deputación editaron en 1977 un fermoso libro en castelán onde se recollían pequenos artigos eumeses titulado  “Crónicas de mi rincón natal”. Ten tamén un libriño de versos escritos nun galego moi noso titulado “Algas (Versos gallegos)”, que foi publicado por primeira vez en Madrid en 1959 e reeditado en 1994. En 1930 dirixiu a edición dun libro de poemas de Francisco María de la Iglesia titulado “D’o mar e d’a terra”, que foi reeditado en 1994 e que leva na portada un marabilloso debuxo de Castelao. Publicou tamén traballos de investigación nas revistas “Grial”, “Logos” e no “Boletín da Real Academia Galega”.

O noso mellor poeta e narrador, Ramiro Fonte viu publicados os seus primeiros versos en 1977 no libro colectivo “Cravo fondo”. Logo virían “As cidades da nada” en
1983, “Designium” en 1984, “Pensar na tempestade” en 1986, “Pasa un segredo” en
1988, “Adeus Norte” en 1991, “Luz do mediodía” en 1995, “O cazador de libros” en
1997, “Mínima moralidade” en 1997, “Capitán inverno” en 1999, “Espazo para un
signo” ou “A rocha dos proscritos” en 2005 e, como publicacións póstumas,  “Reversos. Días adiados” e “Xardín do pasatempo”, en 2008, este último con ilustracións do tamén eumés Jacobo Muñiz. Como ensaísta publicou en 1995 “As bandeiras do corsario (sobre poesía e poetas)” e tamén realizou traballos de investigación sobre Murguía, Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Luís Pimentel, Avilés de Taramancos, Manuel María ou Aquilino Iglesia Alvariño… Entre os seus relatos destacan “Catro novelas sentimentais” en 1988, “As regras do xogo” e “Aves de paso” en 1990, “Os leopardos da lúa: unha traxedia particular” en 1993 ou “Soños eternos” en 1994, narracións que culminaron coa bendita triloxía “Vidas de infancia” publicada entre 2003 e 2007. Nos derradeiros anos da súa vida dirixiu o Instituto Cervantes de Lisboa.

Penso que Ramiro Fonte ben merece que esta douta institución á que pertenceu lle
dedique un ano ―o pasado outubro de 2018 xa se cumpriron os dez regulamentados
desde o seu pasamento―, a non moito tardar, o Día das Letras Galegas, pois é sen
dúbida un dos grandes poetas do último cuarto do século XX e dos primeiros anos do
XXI, e ademais un novelista sobranceiro e máis que notable investigador.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …