Fene-A Deputación fará entrega dos premios «Rosalía de Castro», un deles a Xaquín Marín

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño e o alcalde de Fene, Juventino Trigo, presidirán o vindeiro 20 de xullo ás 20.30 o acto de entrega dos Premios Rosalía de Castro a Xaquín Marín, Agrupación Astronómica Ío e Twitter en galego. O acto, aberto ó público con reserva previa, contará coa actuación de Xabier Díaz.

O debuxante Xaquín Marín, a Agrupación Astronómica Ío e Twitter en galego recibirán os Premios Rosalía de Castro de Normalización Lingüística o vindeiro martes 20 de xullo ás 20.30 horas nun acto que terá lugar na Pista Polideportiva da Fonte do Campo, a carón do Museo do Humor de Fene, para o que é preciso reserva de praza.

Atendendo ós protocolos Covid, o aforo será limitado (200 localidades) e o acceso con invitación. Neste senso, as persoas que queiran asistir poderán solicitar a súa convida no correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou por teléfono 981340366 e/ou whatsapp 607 625 357, antes das 12:00 h do martes 20 de xullo (e deberán recibir confirmación da mesma).

O acto estará presidido pola Deputada de Normalización Lingüística, María Muíño e polo alcalde de Fene, Juventino Trigo e nel farase un recoñecemento ós gañadores da nova edición desta convocatoria encamiñada a valorar o labor de persoas e entidades na promoción e uso do galego.

Neste caso, a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, destaca que os premios «recaeron en persoas e entidades que están a desenvolver un traballo de especial interese para que a nosa lingua avance en todos os ámbitos, tamén en especializados e nas persoas máis novas que son o futuro do galego»

O xurado mantivo unha xuntanza o pasado 14 de xullo dos XII Premios Rosalia de Castro e elixiu nesta edición ó debuxante Xaquín Marín como gañador na categoría de «persoas» que destacan na promoción da lingua galega polo seu «compromiso continuado no tempo. Polo alcance social do seu traballo. Por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual».

Valórase, neste sentido, o seu labor «pola defensa da lingua implícita e explicitamente nos seus cadros e pola atemporalidade da súa obra que segue viva e actual». A candidatura de Marín ó certame foi presentada polas áreas de Museo e Normalización Lingüística, co apoio da concellería de Cultura e do Goberno Municipal de Fene.

Na categoría de entidade que destaca na promoción da lingua galega a gañadora é a Agrupación Astronomía Ío, na categoría de «Entidades» «por impulsar a lingua galega nun ámbito tan especializado como a astronomía e sen vagaxe no noso idioma que ademais conseguen trasladar dun xeito accesible e atractivo para o público xeral». Destacouse tamén a «énfase na creación lexical que demanda especialidade para a normalización do galego nese ámbito e a elaboración de recursos e materiais didácticos para a divulgación da astronomía con grande rigor». Apuntan asimesmo que a asociación impulsa e asesora a Real Academia Galega no nomeamento das 88 constelacións en galego e promoveu a campaña social para que a Unión Astronómica Internacional asignase o nome de Rosalía de Castro a unha estrela.

Finalmente, na categoría de proxecto concreto de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua a gañadora é a iniciativa twitter en galego, promovida por Carlos García Vieito da que se sinala que coordina «o proceso de tradución para configurar esta plataforma social na nosa lingua e fornece un referente nas redes sociais, para o público xeral e para a mocidade en particular, facendo que cada día máis chíos sexan en galego».

Valórase tamén que Twitter en galego crea «terminoloxía que permite colocar a lingua galega na nova realidade dixital» e destácase o «grande impacto social con máis de 15.000 persoas usuarias coa conta configurada en galego».

O xurado estivo composto pola técnica de normalización lingüística do concello da Coruña, Julia Rigueiro, o profesor da Universidade da Coruña, Carlos Caetano Viscaíno e, en representación dos proxectos gañadores da edición anterior, Ana Belén Costoya de Nós TV e Inmaculada Seage polo Club de Debate coa deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, como presidenta e a técnica da Deputación, Dores Sánchez Alegre como secretaria.

O acto, aberto ó contará coa actuación de Xabier Díaz que compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional galego. Froito deste traballo é o álbum Coplas para Icía (2007) no que contou coa participación de Pedro Lamas e Suso Iglesias.

Foi cantante titular da compañía Nova Galega de Danza coa que levou a escena os espectáculos Alento, Engado e Tradicción entre os anos 2005 e 2009. Formou parte do grupo Berrogüetto, desde inicios de 2008 até 2014, ano no que se anunciaba a disolución da banda. Durante este tempo editaron os discos Kosmogonías (2010) e O pulso da terra (2011). Alén diso, obtiveron o Premio de la Academia de la Música á mellor canción en galego (2011) e o de «mellor grupo de música folk» na primeira edición dos Premios Martín Codax da Música (2013), así como o galardón «á mellor banda sonora» nos Premios Mestre Mateo (2014) coa película Inevitable.

Participou xunto a Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero no proxecto «aCadaCanto» co que editaron aCadaCanto (2012) e A Rosa D´Adina (2014).

Colaborou en discos e concertos de diferentes artistas, como Kepa Junkera, Xosé Manuel Budiño, Carmen París, Amancio Prada, Luar na Lubre, Uxía ou Os Cempés. Así mesmo, a súa presenza nos escenarios non só se circunscribe ao ámbito galego senón a lugares como México, Zimbawe, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina ou Bélxica.

No ano 2015 editou The tambourine man xunto ás Adufeiras de Salitre, que obtivo o «galardón ó mellor disco galego» nos Premios de la Música Independiente (2016) e ó «mellor álbum na categoría de música tradicional» dos Premios Martín Codax da Música (2016). Alén diso, The tambourine man, permitiulle manterse no top ten da World Music Charts Europe nos meses de febreiro e marzo de 2016. Publicou canda as Adufeiras de Salitre outros dous discos: «Noró» en 2018, e «As catedrais silenciadas» en 2020.

Lea también

Valdoviño celebra su Feirón mensual

Los puestos regresan este domingo 28 a la Puerta del Sol de Valdoviño, que acogerá …