Narón-Xornada «Cáñamo: cultivo e materia prima”

O edil de Promoción Económica, David Pita, e a vicepresidenta da Asociación Agroforestal Terra Rendible, Clara Domínguez, anunciaron na mañá deste venres no Concello a xornada “Cáñamo: cultivo e materia prima”, que terá lugar o vindeiro 31 de xullo na explanada fronte ó local social do Val (entre as 10.00 e as 14.00 horas)

Na convocatoria informarase aos asistentes sobre as posibilidades de crear un proxecto propio a partir do cultivo do cáñamo. As persoas que desexen preinscribirse, tal e como explicou Pita, poden facelo de balde remitindo o seu nome completo e un teléfono de contacto á dirección: terrarendible@gmail.com. Hai un total de 50 prazas e cubriranse por orde de inscrición.

O concelleiro naronés indicou que “o cáñamo é un produto en alza, que está facéndose un oco entre os cultivos cun valor engadido e unha produción moi diversificada á hora de elaborar diferentes produtos”.

Pita amosou a súa confianza en que a convocatoria sexa un éxito e valorou o traballo que está realizando a Asociación Terra Rendible.

“Temos que agradecer moito ao Concello que acollese esta iniciativa”, asegurou Clara Domínguez, que recordou que “antigamente xa se plantaba o cáñamo e empregábase incluso para facer calzado, sendo xunto co liño unha das subsistencias reais da terra como algo rendible, que lles producía algo e que eles coidaban”.

Así mesmo apuntou que eses aspectos “téñenos que ter moi en conta as novas xeracións, toda esa xente nova que queira traballar no campo e abrir novas expectativas”.

Joaquín Argal de Granda e Pepa García Vicente, relatores especializados no cultivo procedentes de Quiroga e Cataluña, serán as persoas encargadas de informar ós asistentes sobre as cualidades e posibilidades que ofrece o cáñamo e tamén da normativa europea ó respecto.

Unha vez rematada a xornada, avanzou Pita, haberá un menú degustación, a cargo de María Isabel Ruíz, no que se poderán probar delicias de cáñamo, focaccia (tomate seco, eiruga e queixo de cabra), raviolis de cogomelos (salsa de trufas) e mini magdalenas de chocolate e amorodo.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …