Os tres Santiagos dos que falaba Castelao na igrexa parroquial de Pontedeume

José Fonte Sardiña
Conta Castelao que hai tres modelos iconográficos do Noso Señor Santiago. “Europa representou ao Apóstolo Sant-Iago a semellanza dos seus pelegríns, con esclavina e chapeu cobertos de cunchas-vieiras, un bordón na man direita e un libro na esquerda; os pés descalzos i en actitude de andar […], a modo de santo protector dos camiños, símbolo da alma viaxeira de Europa. Hespaña […], a semellanza dos guerreiros da Reconquista, montado nun cabalo branco e brandindo unha espada, terror de sarracenos, xa vencidos e derrubados no chan […], único caso dun Apóstolo de Cristo representado en forma pouco evanxelizadora. Galiza […], a semellanza dos Patriarcas, sentado en maxestade, un bastón na man esquerda e un pergameo na direita, a cabeza erguida, os ollos enfiados cara ao iñoto Oucidente e os versos a repetiren aquel psalmo de David: No mar están os teus camiños e nas moitas augas as túas sendas” (Castelao: “Sempre en Galiza”, Libro IV, capítulo I, primeira edición Buenos Aires, 1944, citado pola edición de Galaxia e La Voz de Galicia, A Coruña, 2001, t. II, p. 247 e 248). Talvez os máis emblemáticos sexan en Santiago de Compostela o peregrino da Porta Santa, o matamouros de Gambino que estaba na catedral ―hoxe retirado polo Cabido en aras da corrección política― e o sedente do parteluz do Pórtico da Gloria.

O vinte e cinco de xullo de 1923, Castelao, co gallo da festividade do Apóstolo,
publicara un debuxo na primeira páxina do diario Galicia, de Vigo, titulado “Os dous
espritos”, no que o Santiago miles Christi aparece etiquetado como “O d-eles”,
referíndose aos españois que defenden esta imaxe guerreira inspirada na súa aparición a prol das tropas cristiás contra os sarracenos na batalla de Clavijo, e contrapono ao Santiago en maxestade, ao que lle chama “O Noso”, evanxelizador e defensor do espírito de concordia, representado polo mestre Mateo, que “así o esculpeu no Pórtico da Groria, con réplica no altar maor, para recibir aos antigos visitantes da súa catedral e decirlles que o mundo non acaba en Galiza, que Galiza non era un Fisterra senón un peirao avanzado de Europa cara o continente que aínda estaba por descobrir” (Castelao: “Sempre..”, op. cit., Libro IV, capítulo I, p. 248).

O descubrimento dos restos do apóstolo Santiago no antigo bosque Libredón compostelán propiciou que no século IX moitas parroquias da antiga diocese iriense
nomearan ao apóstolo Santiago como patrón, cousa que tamén fixeron bastantes
freguesías das restantes dioceses de Galicia e de toda a Península Ibérica; ademais, co
auxe das peregrinacións que viñan de Europa para o venerar no seu sepulcro, este
padroado tamén se espallou por moitas parroquias do vello continente. As Terras do
Eume, comprendidas nos territorios de Pruzos e Bezoucos −que o río separaba pero a
ponte, construída cando menos desde os tempos dos romanos, unía na desembocadura−, que pertencían á diocese de Iria, logo de Santiago de Compostela, non foron unha excepción. En 1270, ano da fundación da vila e alfoz de Pontedeume, por privilexio do rei Afonso X o Sabio (1252-1284), entre as preto de trinta freguesías habitadas polos “omes de la tierra de Pruços e de Bisoucos” que aparecen citadas no documento, cinco teñen como patrón parroquial a Santiago o Maior. Hoxe, no concello de Pontedeume, a vila e a parroquia de Boebre permanecen baixo o seu padroado.


A igrexa parroquial eumesa acolleu, en 1969, no ático do retablo do Sagrado Corazón
de Xesús a talla de Santiago peregrino, que anteriormente se aloxaba no tabernáculo da capela maior desde o ano 1763, cando o templo fora reedificado polo arcebispo Rajoy.

A imaxe porta na súa man dereita o bordón coa cabaza, que lle excede con moito a
cabeza e no que semella apoiarse, e na esquerda, o Libro que lle corresponde á súa
condición apostólica. Preséntase nimbado, sen o tradicional chapeu, coa esclavina verde de peregrino decorada con cunchas de vieira, capa vermella e túnica parda con amplos pregamentos. O pé dereito está oculto e o esquerdo, espido, aparece pousado sobre unha pedra e mostra o xeonllo desa perna zurda lixeiramente dobrado, coma se estivese camiñando. O seu rostro barbado reflicte serenidade e paz espiritual, a dun home que acadou o premio da salvación por mor do seu martirio, e mira confiado ao infinito.

Do Santiago miles Christi, dacabalo, cabaleiro ou matamouros, inspirado na mítica
batalla de Clavijo do ano 844, hai na igrexa parroquial eumesa unha imaxe procesional no interior do templo e outra en relevo na fachada. A carón da porta de entrada, no lado do Evanxeo, sobre o vello altar decorado profusamente con rocallas douradas e a cruz vermella de Santiago no centro, aparece o paso procesional coa imaxe central do Apóstolo montado nun branco corcel que levanta as súas patas dianteiras e lle machuca co corpo a cabeza a un infiel que fai de atlante e sostén do cabalo e o cabaleiro e ten tamén aos seus pés outros dous soldados sarracenos chimpados e derrotados no chan.
Santiago viste unha túnica gris azulada que cobre cunha esclavina escura, case negra,
decorada con cunchas de vieira e reberetes dourados, e unha ampla capa vermella como o sangue derramado no seu martirio pola espada de Herodes, con xenerosos
pregamentos, e vai toucado cun sombreiro negro con reberetes dourados, tipicamente
xacobeo, que leva no centro gravada unha cuncha de vieira tamén dourada. Porta na súa man esquerda o lábaro do exército cristián ao que socorre e, na destra, brande unha espada coa que derrota aos seus inimigos. Este paso procesional está inspirado nos modelos coetáneos que Gambino realizou en pedra no pazo de Raxoi de Santiago e en madeira na catedral compostelá, aínda que presenta unha calidade algo inferior. A imaxe en relevo da fachada, realizada contra 1763 polo mestre canteiro Alberto Ricoy, está bastante deteriorada. O Apóstolo viste o hábito de peregrino, cunha esclavina que lle cobre os ombreiros e está toucado cun típico sombreiro xacobeo adornado cunha cuncha de vieira. Suxeita as bridas do cabalo coa man esquerda e levanta a dereita brandindo unha espada contra os inexistentes mouros. Parte das pernas do Apóstolo desapareceron por mor das inclemencias meteorolóxicas e o paso do tempo. O cabalo galopa brioso, coas patas traseiras fortemente fincadas no chan e as dianteiras, das que só conserva a esquerda, levemente flexionadas.

O retablo maior da igrexa parroquial, actualmente en proceso de restauración, está
presidido por unha imaxe de pedra, con restos de policromía no rostro e na túnica, de
mediados do século XIV, que representa a Santiago sedente no trono da gloria, co
báculo en forma de tau, adornado e asemade protexido polo panissellus, na man dereita e, na esquerda, un filacterio que recolle o nome de S. YACOBO, sinalado polo seu ríxido dedo índice. Presenta o rostro sereno, con roibas meixelas que o fan aínda máis apracible, a barba con crechos pero moi ben coidada e o cabelo teso, con raia ao medio, que deixa ver as súas orellas e lle chega case aos ombreiros. Viste unha túnica con amplos pregamentos, de colo redondo e con restos de policromía, na que se albiscan os tons verdes, que non lle chega a cubrir os pés espidos, símbolo da pobreza e humildade coa que Cristo os mandou predicar.

A vella imaxe pétrea de Santiago sedente e en maxestade, que fora soterrada no altar
maior contra o ano 1758, foi exhumada nos traballos de remodelación do presbiterio en 1961, que supuxeron a desaparición do tabernáculo, e seis anos más tarde, en 1967,
colocada enriba do sagrario, presidindo o altar maior, onde hoxe permanece.

Lea también

La información en papel es para los nostálgicos

Pedro Sande García Recuerdo mis primeros años en Madrid, cuando las noches se alargaban más …

2 comentarios

  1. Marabilloso o que leo.Canto mais te leo mais vexo o que ignoro,asi que moito aprendo contigo,veciño.Mil grazas por esta marabilla.

  2. Graciñas, veciña. Sempre e bo deixarse levar da man de Castelao en todo o tocante á nosa terra e a súa idiosincrasia.

    Ademais, Pontedeume é un lugar ben rico en beleza natural, cultura e historia para ilustrar canto o patriarca galego nos di.