Narón-A Escola de Participación Cidadá retoma a actividade en setembro

A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, anunciou que a Escola de Participación Cidadá de Narón retomará no mes de setembro a súa actividade, na tempada estival non está operativo o servizo de atención cidadá presencial, coa xornada «O territorio facémolo nós»

A edil naronesa indicou que é unha proposta dirixida a toda a cidadanía, especialmente ó tecido asociativo, e que se concibe a modo de «xornada de convivencia e aprendizaxe» ó tempo que agradeceu a colaboración da AVV Altea de Xuvia e da ANPA do CEIP Ponte de Xuvia.

A convocatoria desenvolverase os días 10 e 11 de setembro en Xuvia. O primeiro día haberá un faladoiro sobre «As comunidades na planificación do espazo público», de 18.00 a 20.00 horas no CEIP Ponte de Xuvia. O politólogo e técnico no grupo de investigación RedeRevolta da USC, Fran Quiroga e representantes da Asociación Veciñal de Canido, que promoveron unha horta comunitaria no citado barrio ferrolán, intervirán neste primeiro faladoiro, que pechará cun debate aberto á participación dos asistentes.

O 11 de setembro terá lugar a parte práctica, na que os participantes experimentarán un pequeno proceso participativo en relación ao territorio «Do desexo ao deseño urbano: obradoiro camiñado». A xornada comezará cun paseo guiado ás 11.00 horas pola beira da ría, ao que seguirá un obradoiro de elaboración de maquetas, dirixido a todos os públicos, para que recollan os soños e desexos da veciñanza para este espazo.

«Apostamos por impulsar a través desta convocatoria un espazo de encontro, convivencia e formación co que marcar o inicio do curso escolar» apuntou a edil de Participación Cidadá.

Así mesmo, recordou que as persoas que desexen asistir deben anotarse previamente, de balde, a través do formulario dispoñible en: i.gal/territorionaron. No caso de ter algunha dúbida sobre esta xornada ou querer solicitar máis información pódese chamar ó teléfono da «Escola de Participación Cidadá de Narón»: 603 865 413 ou escribir un correo electrónico á dirección: escolaparticipacion@naron.es 

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …