Narón-Participación na presentación da «Plataforma da década do envellecemento saudable»

As edís de Benestar Social, Catalina García, e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, participaron o xoves, día 9 de setembro, xunto co médico Carlos Piñeiro nunha reunión por videoconferencia organizada pola OMS e a ONU para presentar a Plataforma da década do envellecemento saudable.

O Concello de Narón adheriuse á citada plataforma para traballar nas áreas para as que foi concebida. A convocatoria, na que estiveron tamén presentes seis directores xerais da OMS e representantes de varios países expertos nas áreas de envellecemento e saúde, tivo lugar ás 18.00 horas.

As representantes do goberno local naronés destacaron a importancia desta iniciativa, a través da que se artella unha colaboración mundial de diferentes sectores e profesionais cun mesmo obxectivo, o de mellorar a vida das persoas maiores e as súas familias.

Ó inicio da xuntanza, tralas pertinentes presentacións, deuse a coñecer a Plataforma da década do envellecemento saudable, unha ferramenta para promover o envellecemento saudable.

Os ponentes realizaron as súas intervencións, todas elas centradas na colaboración en catro ámbitos de actuación: cambiar o xeito de pensar e actuar respecto ao envellecemento; asegurar que as comunidades fomenten as capacidades das persoas maiores; ofrecer atención integrada ó colectivo en función das súas necesidades e proporcionarlle tamén acceso á atención a longo prazo para aquelas persoas que o precisen.

«Esta plataforma é unha ferramenta universal para traballar no eido do envellecemento saudable, co fin de que as persoas sexan independientes o maior tempo posible» explicaron as edís naronesas.

En relación ó traballo a levar a cabo, avanzaron que todos os participantes poñerán en común diferentes experiencias (de profesionais e particulares) promoveranse programas en comunidade, reestruturaranse os coidados e levaranse a cabo outro tipo de medidas encamiñadas a mellorar a saúde das persoas maiores para que teñan unha mellor calidade de vida e tamén se incremente a esperanza de vida, tal e como se indicou.

Lea también

Últimos días para inscribirse en Narón no curso sobre “Xestión de redes sociais con Canva e ChatGPT”

Esta acción formativa impartirase dende o vindeiro 2 de maio ata o 28 de xuño, …