Narón-O Concello e o Cineclube Serie B organizan un Ciclo de Cine en galego

O Concello de Narón e o Cine Club Serie B organizaron un Ciclo de cine que se desenvolverá este mes e en outubro no Pazo da Cultura.

A alcaldesa e presidenta do citado organismo, Marián Ferreiro e o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, presentaron este luns, día 20 de setembro a programación acompañados por Alberto Pena, presidente do Cineclube Serie B, Anabel Varela, Aitor Hermida e María Vales, secretaria, tesoureiro e vogal, respectivamente, da entidade.

Ferreiro avanzou que se trata dunha proposta con entrada de balde, ata completar a capacidade do Pazo, podendo retirarse as entradas no despacho de billetes do Pazo da Cultura.

A alcaldesa destacou o feito de que se trata do primeiro ciclo de proxeccións cinematográficas que se organiza no Pazo e felicitou aos representantes do Cineclube Serie B polo traballo que están realizando para promocionar a sétima arte con diversas propostas que continuarán nos vindeiros meses.

Ferreiro avanzou que o Concello asinará o vindeiro ano un convenio de colaboración coa entidade «para continuar contribuíndo a apoiar na cidade as iniciativas como a que hoxe presentamos»

Alberto Pena indicou que a primeira proxección será este mesmo xoves, día 23, ás 20.00 horas (o horario será o mesmo para todo o ciclo) cando se poderá ver o filme «Sempre Xonxa» (1989), dirixido por Chano Piñeiro e que foi a primeira película galega rodada en 35 milímetros.

O vindeiro 30 de setembro proxectarase «A illa das mentiras» (2020), dirixida por Paula Cons e galardoada con cinco premios Mestre Mateo, incluído o de Mellor dirección.

A programación continuará en outubro, o día 7, con «Dhogs» (2017), dirixida por Andrés Goteira, e que foi a película máis premiada dos premios Mestre Mateo, con trece galardóns.

Finalmente, o 14 de outubro poderase ver no Pazo «Eroski Paraíso» (2019), dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron, galardoada nos Mestre Mateo nas categorías de mellor protagonista feminino e masculino.

«Este ciclo é unha firme aposta polo cine galego, ao tratarse de catro películas dirixidas por catro cineastas galegos e rodados en tres casos na nosa lingua, con localizacións, actrices e actores de Galicia… donde é sabido que contamos con excelentes profesionais que merecen todo o noso apoio» recalcou a alcaldesa.

Dende o Cineclube Serie B agradeceron a colaboración do Concello de Narón e amosaron a súa ilusión pola organización deste ciclo, que conta tamén coa colaboración, indicaron, da Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga), do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e da Xunta de Galicia.

Dende a entidade contan xa con algunhas propostas máis para este ano, como unha proxección especial con motivo do Samaín. O 28 de outubro poderase ver no Pazo a película «Pesadilla antes de Navidad» un clásico infantil moi recoñecido a nivel internacional.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …