Narón-Obras de saneamento e abastecemento por importe superior ós 1,1 millóns de euros

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse na mañá deste venres á parroquia do Val para comprobar o avance das obras de saneamento que están en execución na citada parroquia.

Ferreiro recordou que na actualidade o Concello de Narón ten en fase de execución ou licitación obras de implantación ou ampliación da rede de saneamento e abastecemento en varias parroquias da zona rural e tamén nalgún punto do núcleo urbán da cidade por un importe conxunto que ascende a 1,11 millóns de euros.

Na zona de O Val e Outeiros a ampliación da rede de saneamento que se está levando a cabo suporá un investimento de 505.363 euros. «Con cargo a este investimento preto dun centenar de vivendas disporán de dous servizos dos que carecían ata o momento, o de saneamento e o de abastecemento» explicou Ferreiro.

A maiores tamén está en execución a obra de renovación e reforzo da rede de abastecemento na estrada do Trece, unha intervención orzamentada en 89.911 euros. «Neste caso os traballos a levar a cabo implican a renovación de toda a tubaría de fibrocemento da estrada do Trece e do lugar da Pena Parda, o que permitirá dotar a unhas 60 vivendas da zona de Ferrerías de servizo de abastecemento»

En execución están tamén na actualidade os traballos proxectados para implantar o saneamento para un máximo de 35 vivendas no Couto, donde se instalará un colector e un grupo de bombeo que permitirá a conexión do mesmo ao colector existente, tal e como indicou a rexedora local. Estes traballos suporán ás arcas locais un desembolso de 249.146 euros.

O Concello ten actualmente en fase de licitación outras tres importantes actuacións nesta área. Unha delas, orzamentada en 77.846 euros, é para instalar un colector no Camiño da Fonte, na zona do Alto, para dotar do servizo de saneamento a unha vintena de vivendas localizadas nesa zona, recollendo os verquidos do tramo a través dun sistema de bombeo.

Así mesmo, no núcleo de Sedes-O Pereiro está en licitación unha actuación orzamentada en 131.024 euros para instalar un colector no lugar do Pereiro que recolla os verquidos dunha vintena de vivendas da zona e levalos ata as redes xerais de saneamento.

Na zona de Ferrerías estase realizando unha actuación orzamentada en 64.505 euros para ampliar a rede de saneamento, para que algo máis dunha vintena de vivendas poidan dispoñer do mesmo.

«Continuamos dotando de servizos moi importantes, como neste caso o saneamento e o abastecemento, a diferentes núcleos da zona rural e urbana do municipio. A aposta do goberno local é firme nesta liña e seguiremos avanzando na implantación destes servizos nos vindeiros meses» subliñou Ferreiro.

Lea también

Narón-Unha unidade móbil para a doazón de sangue estará esta semana na cidade

Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará na cidade …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *