Fene-Música, teatro e narración oral no outono cultural da Biblioteca Municipal

O espectáculo de Carlos Quintá «Un rei e outros animais» inaugura este xoves, día 30 de setembro, o ciclo de actividades de outono que organiza a concellería de Cultura de Fene na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé.

O programa inclúe cinco propostas dirixidas ao público infantil e familiar, as dúas primeiras organizadas no marco do programa FalaRedes 2021, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e as tres restantes no de Ler conta moito, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Para abrir o ciclo, este xoves, 30 de setembro, ás 18.00 horas, actuará no salón de actos da Casa da Cultura o músico e manipulador de monicreques Carlos Quintá co espectáculo «Un rei e outros animais». Nesta primeira función, os nenos e nenas contarán e cantarán historias e pezas da tradición galega e outras de nova creación, todas protagonizadas por animais, coa axuda de xoguetes sonoros e monicreques variados. Entrada libre até completar aforo.

O sábado 2 de outubro volve a Fene o dúo Rilo&Penadique con «Derriba da lúa» espectáculo- obradoiro de narración oral e música, de recente creación, para familias con nenos de 0 a 4 anos.

En «Derriba da lúa» as protagonistas convidarán aos asistentes a arrolar, contar, cantar e xogar xuntos para soñar e medrar libres coma paxaros, de candeloria a candeloria. Neste caso haberá dúas función na biblioteca municipal, a primeira de 11.30 a 12.00 e a segunda de 12.30 a 13.00 horas. Reserva de prazas no teléfono 981 34 23 02. Aforo limitado a 10 nenos máis acompañante, en cada quenda.

Complementando as actividades culturais de outono, a Biblioteca Pública Municipal «Xosemaría Pérez Parallé» organiza o programa «Ler Conta Moito 2021» para a dinamización da lectura nas bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Para poder asistir será preciso inscribirse previamente en cada actividade, ou de xeito presencial na propia biblioteca ou no teléfono 981 34 23 02.

O xoves 7 de outubro, ás 18.00 horas, o grupo Polo Correo do Vento levará ó salón de actos da Casa da Cultura de Fene o espectáculo «Xela Arias. Liberdade, solidariedade e amor pola lingua» actividade baseada nunha publicación homónima na que o colectivo pontevedrés pon música, narra e ofrece ilustracións realizadas por Tania Solla, sobre a biografía da escritora nada en Sarria, adaptada ó público escolar. Función dirixida a nenos a partir dos 5 anos. Aforo limitado a 35 participantes.

Ó xoves seguinte, o 14 de outubro, ás 18.00 horas, actuará na Biblioteca de Fene o grupo Trémola Teatro con «Qué animaliño é?» Trátase dun espectáculo dirixido a bebés de 0 a 4 anos «que lles fará gozar, coñecer e recoñecer as cousas que ven ao seu arredor». En «Qué animaliño é ?», a protagonista, Paula, co seu xilófono e a través de diferentes elementos sensoriais, fará que os máis pequenos da casa poidan coñecer os distintos animais. Aforo limitado a 25 participantes.

O ciclo concluirá o xoves 21 de outubro, ás 18.00 horas, con «Leo leíño» e a «A peregrina máxica» función dirixida a nenos de 6 a 14 anos que se desenvolverá no salón de actos da Casa da Cultura de Fene. Neste ano Santo Xacobeo Leo Leíño, da man da primeira peregrina, Egeria, nos leva a Santiago, seguindo as instrucións do Códice Calixtino e «peregrinando» a través de trucos sorprendentes e divertidos. Descubríndonos lendas e costumes do Camiño, contándonos as aventuras e desventuras da súa peregrinación ata os pés da Berenguela, para entrar pola porta Santa e abrazar ó Apóstolo. Aforo limitado a 35 participantes.

Lea también

Decomisados en Mugardos 167 kilos de vieira y los utensilios empleados para extraerlos ilegalmente

La Patrulla de Protección de la Naturaleza (Paprona) de la Guardia Civil en colaboración con …