Fene-Contos para bebés con Rilo e Penadique na Biblioteca Municipal

O dúo formado pola mugardesa Vero Rilo e Sonsoles Penadique volve a Fene este sábado para participar no ciclo de actividades de outono que se está a desenvolver na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé.

A cita, prevista en dúas funcións, a primeira de 11.30 a 12.00 e a segunda de 12.30 a 13.00 horas, encádrase no programa FalaRedes 2021, da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O espectáculo, titulado «Derriba da lúa» vai dirixido a nenos de 0 a 4 anos. Para asistir, cómpre reservar praza no teléfono 981 34 23 02. Aforo limitado a 10 nenos máis un acompañante, en cada quenda.

«Derriba da lúa» é un espectáculo-obradoiro de narración oral e música, de recente creación, para familias con nenos de 0 a 4 anos. En “Derriba da lúa”, as protagonistas convidarán ós asistentes a arrolar, contar, cantar e xogar xuntos para soñar e medrar libres coma paxaros, de candeloria a candeloria.

Trala actuación deste sábado, o vindeiro xoves 7 de outubro, ás 18.00 horas, Polo Correo do Vento levará ó salón de actos da Casa da Cultura de Fene o espectáculo «Xela Arias. Liberdade, solidariedade e amor pola lingua» actividade baseada nunha publicación homónima na que o colectivo pontevedrés pon música, narra e ofrece ilustracións realizadas por Tania Solla, sobre a biografía da escritora nada en Sarria, adaptada ó público escolar.

Función dirixida a nenos a partir dos 5 anos. Aforo limitado a 35 participantes. Para poder asistir será preciso inscribirse previamente ou de xeito presencial na propia biblioteca ou no teléfono 981 34 23 02.

Lea también

As Pontes invirte preto de 110.000€ na mellora da rúa da Balsa

O Concello de As Pontes investirá 109.053 euros, procedentes da Deputación da Coruña, no proxecto …