A xacobea Virxe do Pilar en Pontedeume

José Fonte Sardiña

Aínda que a lendaria aparición da Virxe María ao apóstolo Santiago máis emblemática foi a que aconteceu en Zaragoza na ribeira do Ebro o dous de xaneiro do ano 40, semella que a que a tradición sitúa no mar de Muxía puido ser anterior. O frade
dominico Hernando Oxea, nun libro de 1615 titulado “Historia del Glorioso Apostol Santiago Patron de España: de su venida a ella y de las grandezas de su Yglesia y Orden   Militar”, utilizando como fonte un diario armenio escrito en Xerusalén en 1054, afirma que “saíu o glorioso apóstolo Santiago do porto de Xaffa […], entrou en Galicia, onde predicou e residiu un bo tempo, ao cabo do cal se lle apareceu a Virxe Nosa Señora: mandoulle que volvese a Xerusalén, e el así o fixo. Chegando a Zaragoza de Aragón, aparecéuselle a Virxe outra vez, e mandoulle que fundase alí unha igrexa á que lle puxese o seu nome” (tomado e traducido de Francisco Singul: ‘La costa del fin del mundo en la cosmovisión jacobea y la devoción mariana: la peregrinación a Padrón, Fisterra y Muxía’, en “Ad Limina”, IX, Santiago de Compostela, 2018, p. 96).

Conta Vicente Risco que “di a tradición acollida pola Igrexa que cando o Santo
Apóstolo Santiago andaba a predicar pola banda de Fisterre, sufrindo moitos traballos e desalentos, a Santísima Virxe María, que daquela inda vivía neste mundo, apareceulle en carne mortal, para confortalo. Achábase o Señor Santiago na beiramar de Muxía, cando viu que viña polo mar unha barca de pedra guiada ou conducida por anxos, na cal viña a Madre de Deus […]. As pedras da Barca da Nosa Señora son tres: a barca mesma, de oito varas e media por sete e media, o temón e mais a vela, de oito varas e tres cuartos de arredor. Esta é unha pedra de abalar que mesmamente un neno pode mover […]; cando non se move, é sinal de que a Virxe non vai conceder o que se lle pide ou que algo ocorre de estraño que non prace a Deus […]. Din que ó deitarse o sol, se un mira debaixo desta pedra, ve a imaxe dun Santo Cristo e outra do Apóstolo Santiago, con esclavina e bordón, e un cáliz na man” (Vicente Risco: Etnografía, Obras Completas tomo III, Galaxia, Vigo, 1994, p. 206-208) (Pedra dos Cadrís, que representa a vela).

Pedra dos Cadrís

O templo da Nosa Señora da Barca, en Muxía, punto e final xunto con Fisterra dun
Camiño que os peregrinos xacobeos realizan despois da súa chegada a Santiago de
Compostela, tivo a súa orixe contra o século XI. No camarín da Virxe aparece
representado o milagre da aparición; un anxo atópase sentado na barca remando, outro está de pé sostendo o temón e un terceiro, no centro, fai de atlante da imaxe da Nosa Señora, coroada de gloria, que leva o Neno no colo e o cetro na man esquerda; Santiago, vestido de peregrino e sostendo o bordón coa cabaza, axeónllese diante da Nai de Deus sobre unha pena no medio do mar. A imaxe gótica da Virxe, de principios do século XV, salvouse do incendio provocado por un lóstrego no Nadal de 2013 porque non se atopaba no templo, pero o retablo, encargado a Miguel de Romay en 1717, onde se representaban a barca, os anxos e Santiago foi calcinado polo lume. O que hoxe hai, despois da reconstrución rematada en 2015, é unha réplica que non deixou contentos aos muxiáns.

Así e todo, compite duramente con esta lenda a da aparición da Virxe a Santiago en
Zaragoza o dous de xaneiro do ano 40, que insiste na idea de que o Apóstolo predicou o Evanxeo nestas terras. Fora transmitida, desde época ben temperá, por vía
oral entre as xentes que habitaban os pobos de Hispania. Este acontecemento
foi recollido, así mesmo, por escrito na “Crónica del obispo Máximo de Zaragoza”, a
principios do século VII, onde se afirma tamén que “Caesaraugustae templum Dei
genitricis sanctum e a divo Iacoco constructrum quod ad columnam dicitur, celebre
habetur”, que podería traducirse como: “É ben coñecido en Zaragoza un templo
dedicado á Nai de Deus e mandado construír polo divino Santiago, que é chamado da Columna”.

Un códice do século XIII, conservado na catedral zaragozana, di que Santiago chegou cos seus novos discípulos a través de Galicia e de Castela, ata Aragón,
o territorio chamado Celtiberia, onde está situada a cidade de Zaragoza, nas ribeiras
do Ebro. Alí predicou Santiago moitos días e, entre os convertidos, elixiu como
acompañantes oito homes, cos que trataba de día do Reino de Deus e, pola noite,
percorría as ribeiras para tomar algún descanso. Un día que se atopaba pensativo
nas orelas do Ebro escoitou as voces duns anxos que cantaban Ave, María, gratia  plena e viu aparecer á Nai de Cristo, de pé sobre un piar de mármore, como está  representada na imaxe que se aloxa no retablo de Santa Lucía do templo parroquial
de Santiago de Pontedeume.

A Virxe animouno a continuar coa súa misión e pediulle que erguese á beira do Ebro  unha igrexa na súa honra, e prometeulle que esta permanecería ata a fin dos tempos  para que a virtude de Deus obrase portentos e marabillas pola súa intercesión con aqueles que nos momentos de necesidade implorasen o seu patrocinio. Así o fixo,
consonte di a tradición, Santiago, aínda que regresou, antes de que estivese rematado o primeiro templo mariano da cristiandade, a Xerusalén, onde padeceu o martirio por orde de Herodes Agripa, que o mandou decapitar (Foto de Benutzer Gisbertn).

A imaxe do apóstolo Santiago, axeonllado aos pés da Virxe erguida sobre aquela
columna, atópase tamén no retablo maior da capela do Pilar que hai na catedral
compostelá.

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …