Manel Grandal Anca reelixido secretario comarcal da CIG

A VIII Asemblea comarcal da CIG de Ferrol renovou a súa executiva e elixiu a Manel Grandal Anca como secretario comarcal con 91 votos a favor, 5 brancos e 5 nulos. Unha nova dirección que terá que afrontar a problemática laboral, económica e social que arrastra a comarca de Ferrolterra desde hai décadas, agravada pola pandemia e polo proceso de desindustrialización, coa crise do sector naval, o peche de Endesa e o peche e deslocalización de GAMESA ou POLIGAL, entre moitas outras. Situación da que Grandal responsabilizou aos goberno galego e do Estado.

Nova executiva

A executiva comarcal recibiu 94 votos a favor, 2 brancos e 5 nulos e queda conformada por Manuel Anxo Grandal Anca, María Teresa Carballido Salgado, Mª Beatriz Fernández González, Xoán Galdo Regueiro, Marta Cillero Bilbao, Carlos García Seoane e Alberte Amado Tallón.

A VIII Asemblea tamén escolleu ás persoas que a representarán no Consello Confederal. A única candidatura presentada foi apoiada por 91 votos a favor, 2 brancos e 5 nulos e queda conformada por Manuel Anxo Grandal Anca, Antonia Martínez Díaz, Francisco Xabier Cartelle Pérez, Xoán Galdo Regueiro, Carlos García Seoane.

Firmeza e coherencia

Na súa intervención no acto de clausura, ao que asistiron os ex secretarios comarcais e representantes do BNG, o recén reelixido secretario comarcal, Manel Grandal, comezou recoñecendo o traballo desenvolvido desde a anterior asemblea comarcal. Un traballo que permitiu que a CIG se consolidara como primeira forza sindical en Ferrolterra e no país “grazas ao esforzo militante de moitas e moitos camaradas”, mais, sobre todo, pola “firmeza, a coherencia e determinación de manter unha liña sindical propia, de clase e nacionalista, combativa, asemblearista e participativa, de confronto co poder, de rexeitamento do sistema capitalista e de defensa da soberanía nacional”.

Unha alternativa “claramente diferenciada e confrontada co modelo sindical español de CCOO e UGT”, matizou, que permite camiñar cara o obxectivo de “acadar a autoorganización plena da clase traballadora galega, o sindicato único galego, alentado pola conciencia de recoñecérmonos vítimas de unha sobreexplotación, a directa como clase e a derivada do estatus de colonia do noso País dentro do Estado español”.

Por iso sinalou como reto consolidar e seguir ampliando a maioría sindical, tanto en representatividade como en afiliación para “acumular forzas e construír poder sindical para avanzar e ir construíndo poder popular, co obxectivo de acadar unha Galiza ceibe e sen explotación”.

Socialización dos conflitos

Grandal fixo ademais un chamamento á Asemblea para fixar como obxectivo facer participe á afiliación da vida do sindicato porque “é vital para a loita de clases a socialización dos conflitos”. Ferramenta que considerou necesaria “para acadar a solidariedade da clase obreira”

Nese sentido pediu ao corpo máis militante e activo que “máis alá do labor no seu centro de traballo, é imprescindible practicar a solidariedade en canto ás reivindicacións colectivas que nos afectan a todas e a todos e mesmo apoiando conflitos doutros compañeiros e compañeiras”.

Insistiu ademais na necesidade de facer un esforzo no achegamento e en facilitar a participación das mulleres na vida e nos organismos da central sindical, así como da mocidade “escoitando e amosando empatía, mesmo adaptando o noso funcionamento na medida das posibilidades, convocatorias, horarios… mais facéndolles ver que só a través do sindicato e dun sindicato forte se poden mellorar as condicións laborais e de vida da clase traballadora”.

Confrontación social

Grandal incidiu en que a conquista de dereitos ha de estar sustentada “no éxito da confrontación social” combinando “a formulación de propostas coa mobilización”. Cuestión respecto da que advertiu que “estaremos perdidos e derrotados se non somos quen de entender e facerlle entender ás traballadoras e traballadores que isto é tamén un combate ideolóxico”.

Fixo un percorrido pola historia do sindicato. Un proceso que definiu como “longo e plural, con distintas sensibilidades, que entenderon a necesidade imperiosa de autoorganizarse, como única, e mellor  ferramenta de confronto o sistema, na defensa da clase traballadora galega e na loita pola emancipación nacional.  Un gran legado e un gran capital, que temos a obriga de preservar, pois é a chave do noso éxito presente e futuro, e polo tanto do éxito das clases populares galegas”.

Avanzou ademais o proceso acelerado de cambios, da dixitalización dos procesos produtivos, da  transformación enerxética. Un proceso no que “o capital vai intentar coller máis tallada no reparto da tarta”, advertiu. E por iso chamou a “ser moi firmes na resposta, empezando pola loita na recuperación de dereitos, nomeadamente a derrogación inmediata das reformas laborais, das pensións ou da negociación colectiva, así como a implementación de medidas de protección a clase traballadora ante novas formas de explotación”.

Folga xeral

Lembrou a resolución aprobada no VIII Congreso da CIG sobre a convocatoria dunha Folga Xeral en Galiza, “de non darse avances nestas reivindicacións”. E emprazou a dar resposta aos novos modelos de explotación. “Vainos supor un gran esforzo pedagóxico, de debate dentro e fóra da afiliación. Enfrontámonos ao neoliberalismo máis salvaxe, que fará uso de todos os seus resortes e artimañas, de compra de vontades, de propaganda,  contando ademais por activa ou por pasiva cos gobernos e sindicatos amigos e inmersos no sistema, os do diálogo social”.

Proclamou a demanda de poder vivir e traballar na nosa terra como “unha demanda xusta” e advertiu que, sen loitar por isto “as nosas comarcas quedarán abocadas á desertización industrial, con todo o que iso leva consigo”. Por iso afirmou que “temos a obriga e o deber moral de dar a batalla polo futuro, por ese dereito o traballo digno na terra que nos veu nacer a nós e os nosos fillos e fillas”.

«Unha loita na defensa dos postos de traballo, dos nosos sectores produtivos, do naval, coa creación dun complexo industrial para acceder a todo tipo de construción, civil e militar e da súa diversificación cara as enerxías renovables”. «Mais tamén por unha transición xusta, que leve asociados proxectos que realmente creen postos de traballo, polos nosos sectores primarios e as súas potencialidades na creación de emprego e riqueza, desde o forestal ao agro-gandeiro, nomeadamente as nosas rías”.

Chamou ademais a defender os servizos públicos e demandar a súa potenciación. Servizos que, dixo, “cobran vital importancia nunha comarca tremendamente empobrecida como a nosa”.

O reelixido secretario comarcal concluíu recoñecendo que son moitos os retos, mais considerou que “servirán de pouco se non somos quen de enmarcalos no camiño, na necesidade, de acadar o dereito a decidir por nós mesmos, a exercer a soberanía que como nación nos corresponde”.

Por iso apostou por aportar corpo “ao movemento nacionalista galego que somos” e participar “na súa dinamización se de verdade queremos acadar unha Galiza libre e soberana, ceibe e sen explotación”.

 

 

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …