Narón-III edición das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria

O Concello de Narón iniciou a terceira edición das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria, que o pasado ano debido á situación sanitaria se celebraron de xeito virtual e que un ano máis contan coa colaboración da Confederación Nacional de Autoescuelas.

Un total de 308 escolares de cuarto e quinto curso de educación Primaria de nove centros de ensino da cidade participan nesta convocatoria, que consta de tres fases, unha teórica, outra práctica e a final. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, desprazáronse esta mañá ó centro do CRA do Val para asistir a unha das sesións, neste caso dunha hora de duración e sobre pautas de mantemento da bicicleta, impartida por Gabriel Ramos, do club local Clásicos Bikeworks

Trala charla impartida sobre as bicicletas tivo lugar unha na que a axente da Policía Local e integrante do equipo de Educación Viaria do Concello Sonia López lles falou ós rapaces da normativa como peóns, ciclistas e vehículos de mobilidade persoal (VMP).

Ó longo deste mes e o de novembro impartiranse estas charlas da fase teórica e outra sobre Medio Ambiente a cargo dun profesional nesa área nos colexios Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, O Feal, A Gándara, Piñeiros e o CRA do Val.

Unha vez que remate esta formación os titores e titoras dos centros seleccionarán entre o alumnado a un grupo mixto de seis nenas e nenos por colexio para participar na final e representar á clase e ó centro educativo.

A continuación terá lugar a fase práctica, que consistirá nunha gincana con bicicletas e para o que serán os propios centros os que elixirán a un alumno ou alumna para realizala, debendo levar ese día unha bici e casco. Un tribunal encargarase de controlar que o circuíto se execute correctamente, asignando unha puntuación que se sumará na fase final.

Esta fase final está programada para o 12 de xaneiro, ás 10.00 horas no Pazo da Cultura e alí os escolares, en grupos de seis por centro, realizarán un cuestionario de trinta preguntas tipo test e todos eles ó mesmo tempo. Para elixir ós finalistas sumaranse os tempos do cuestionario e os da gincana.

Nestas olimpíadas entregaranse un primeiro, segundo e terceiro premio para os tres grupos clasificados con máis puntuación e en caso de empate teranse en conta preguntas do cuestionario. Os premios serán colectivos para que poida disfrutar dos mesmos toda a clase.

A alcaldesa e o edil de Seguridade Cidadá conversaron cos escolares e agradeceron ós centros a súa participación nesta convocatoria. “Durante unhas semanas os escolares ós que se dirixen estas olimpíadas recibirán unha formación moi útil no seu día a día, cunha parte didáctica e outra lúdica sobre diversas materias, entre as que tamén están as matemáticas aplicadas á educación viaria, o inglés e a igualdade de xénero”.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …