Ferrol-O Concello retoma as actividades do programa ‘Apego’

O Concello de Ferrol retoma as actividades permanentes do programa ‘Apego’ tras suspenderse por mor da pandemia sanitaria, tal e como anunciou este venres, día 29 de outubro, a concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, quen lembrou que se trata dunha iniciativa que ten como obxectivo “fomentar e mellorar a transmisión da lingua galega no ámbito familiar”

Para os vindeiros meses, ata rematar o ano, o programa ofrece tres actividades, que se desenvolverán ás 18.30 horas no centro cultural municipal Torrente Ballester. A primeira, o concerto infantil ‘Rockeando con Ramona Órbita’, de Pakolas, dirixido ó público familiar, terá lugar o día 11 de novembro.

Trátase dun concerto “cheo de humor no que coñeceremos as aventuras de Ramona Órbita e a súa máquina do tempo a ritmo roqueiro”, explicou Prados. A entrada será libre ata encher a capacidade do espazo.

O día 25 novembro terá lugar o contacontos ‘Como axudo a Antón?’, de Os Biosbardos, para familias con menores de 3 a 10 anos. Trátase da historia dun neno que “aínda que non o está a pasar moi ben na escola, poderá recibir a nosa axuda a través das nosas reflexións”. O acceso tamén será libre.

Por último, o 9 de decembro, Mamá Cabra desenvolverá un obradoiro de arrolos para familias con menores de 0 a 3 anos, que aprenderán unha morea de nanas para adormecer, aleitar e gozar da música nos primeiros meses de vida. Para esta actividade é necesaria a inscrición previa, aberta ata o mesmo 9 de decembro, a través do correo electrónico gnl@ferrol.es.  Cada menor irá acompañado dun máximo de dous adultos.

Apego é un programa colectivo que se desenvolve en diferentes concellos creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial de pais a fillos como chave para o futuro da lingua, lembrou a edil.

Lea también

Los Mupis de Ferrol promocionan la Semana Santa

El Ayuntamiento de Ferrol ha actualizado los mupis que dan la bienvenida a la ciudad …