Tempo de Samaín, magostos e colares de zonchos

José Fonte Sardiña
Desde os ancestrais tempos anteriores á chegada, contra o século I, da nave trirreme do Imperio a estas terras galegas, os antigos poboadores prerromanos xa lles rendían culto aos defuntos coa erección de monumentos funerarios dos que, mesmo hoxe, nos quedan abondas pegadas. O dolmen foi un deles. Non hai construción clásica ningunha máis sinxela e rematada. Así e todo, non tivo sempre esta feitura. Nun principio, estaba cuberto de terra, pero, andando os séculos, quedou á vista. Cando os meus fillos aínda eran uns rapaces e tiñan partido de fútbol no campo do Tordoia moito nos gustaba visitar o dolmen de Cabaleiros, que con tanto mimo conservan nesa parroquia daquel concello, e lembrar así os nosos devanceiros (Dolmen de Cabaleiros, en Tordoia).

Dolmen de Tordoia

Como nos conta Otero Pedrayo no seu ensaio “Morte e resurrección”, publicado en
Ourense en 1932, o dolmen está formado por “unhas laxes de pé, en ascendente pulo,
familia de pedras ergueitas como as lousas dun fogar. Por riba outra laxe como o ceo
sufincado polos montes. Arca, mesa, tumba, altar […]. Desde o dolmen, a pedra galega tivo significanza humana e unha presencia de conciencia organizou a paisaxe galega. Ruína xunguida ao decorrer das sazóns. Por iso, na nosa Galicia […] significan historia […]. Cando a cruz latina foi coroa do dolmen estivo Galicia criada. A cruz, na alma anterga xa debuxada como esperanza e promesa […]. Endexamais seredes entre nós e para quen nos comprenda, ruína. Vivides sub specie aeternitatis no futuro da alma galega” (Ramón Otero Pedrayo: ‘Morte e resurrección’, en Carlos Casares (ed.): “Ramón Otero Pedrayo (1888-1976). Día das Letras Galegas 1988)”, A Coruña, 1988, p. 100-102) (Dolmen de Axeitos, en Ribeira, e capela do camposanto de Pontedeume).

Na nosa terra, é tempo de outono, de castañas, magostos —os castiñeiros foron
xenerosos con nós este ano—, colares de zonchos e da ancestral festa celta de Samaín,
hoxe recuperada, que fora cristianizada, como moitas outras, para honrar os nosos
defuntos. Así e todo, nin Antonio Fraguas no seu ensaio “La Galicia insólita.
Tradiciones gallegas”, nin Vicente Risco, no prolixo estudo sobre as celebracións
festivas de Galicia que realizou no seu libro “Etnografía”, fan referencia explícita á festa de Samaín e si aos días de Todos os Santos e de Defuntos (Cartel do Samaín do
Concello de Pontedeume e foto da Ruta do Medo da Asociación de Veciños Os Castros
de Centroña).

Falaba Antonio Fraguas de que “o ciclo festivo debe comezar coa festa do Magosto e o primeiro día de Serán. Magosto é calquera reunión na que se asan castañas; así e todo, o Magosto é a reunión de cativos, mozos e mozas que, na tarde do día primeiro de novembro, asan unha determinada cantidade de castañas e as comen soas ou
acompañándoas con viño. Trátase dunha das festas do ciclo outonal, onde o froito da
campiña vén ser centro dunha concentración festiva” (Tomado e traducido de Antonio Fraguas: “La Galicia insólita. Tradiciones gallegas”, Cadernos do Seminario de Sargadelos, 51, Ediciós do Castro, Sada, primeira edición de 1973, citada pola cuarta de 1993, p. 101) (Foto de Carmen Rodríguez Pena).

Contaba Vicente Risco que “nas casas, na noite de Defuntos, soen pór unha fonte con aceite e tantas lamparillas como defuntos queiran honrar. Tamén hai sitios onde lles poñen a mesa con todo o servicio e unha peza de pan, para que veñan cear, inda que sexan invisibles, cos seus familiares” (Vicente Risco: “Etnografía”, en Obras
Completas, t. III, Galaxia, Vigo, 1994, p. 658 e 659) (Foto da Asociación de Veciños Os
Castros de Centroña, sempre moi activa na conservación das nosas tradicións).

En moitos fogares galegos, e Pontedeume non foi unha excepción, eran colocadas nas
ventás, balcóns ou portas unha ou varias cabazas, baleiradas previamente, nas que se
poñía dentro unha candea acesa para indicarlles o camiño aos defuntos polos que se
agardaba (Foto da Asociación de Veciños Os Castros de Centroña).

Segue dicindo Risco que “nas cidades e nas aldeas, a tarde anterior e o día todo, están dobrando a morto as campás, para que a xente se lembre dos mortos e rece por eles, e en todos lados se visitan os camposantos e acéndenlles luces. Tamén, nalgures, como en Viveiro, é costume facer neste día colares de castañas cocidas con pelica, zonchos, que os rapaces xantan” (Idem, p. 659). Eu vivín isto que conta Risco de neno na miña casa en Pontedeume e continuei logo a tradición cos meus fillos.

En opinión de Otero Pedrayo, expresada no seu maxistral ensaio “Morte e
resurrección”, antes citado, “as razas celtas aman a morte como outra vida, quizais
como a exaltación suprema da vida. Non son capaces de estableceren marcos entre a
vida e a morte. Os defuntos séntanse no fogar, acoden ás chamadas, aconsellan,
mandan, interveñen. O cemiterio ou a lembranza dos mortos non é, nelas, obxecto ou
tema de repulsión. A vida, sen quebrar o seu fío esencial, mergúllase no mar da morte e nel, como corrente espiritual, conserva a súa individualidade, porque desde os comezos do vivir que chamamos mortal, as ondas do mar da morte baten nos máis fortes e confiados promontorios e nas praias máis dondas e agarimosas da vida” (Ramón Otero Pedrayo: Op. cit., p. 89).

No meu recordo viven aquelas visitas da familia por Defuntos ao camposanto eumés de Porto ―sendo un neno e lucindo orgulloso o colar de zonchos que fixeramos pola
mañá― para honrar os seres queridos que xa non estaban con nós e rezar por eles.
Despois, non podiamos deixar de comprobar que aínda seguía alí, a carón da capela, o
busto de mármore daquela muller, a Francesiña, que seica morrera afogada no Murallón de Pontedeume intentando recuperar o pendente que lle caera ao mar, cuxa historia ou lenda non nos cansabamos de escoitar cada ano.

Lea también

Sabores ártabros-Chocolate con churros

José Perales Garat Tal vez una de las cosas que más unen a las familias …