Narón-Curso online sobre «Aprendizaxe de convivencia coa demencia»

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou este luns, día 22 de novembro, coa edil de Benestar Social Catalina García, e con Francisco Pantín e Silvia Loureiro, presidente e logopeda, respectivamente, da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAL) un curso online sobre “Aprendizaxe de convivencia coa demencia”.

A convocatoria diríxese a coidadore e familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias e profesionais sociosanitarios, podendo anotarse a través do teléfono 981 370 692 ou do correo electrónico: afalferrolterra@afalferrolterra.com.

O curso desenvolverase do vindeiro luns, día 29 de novembro ó venres, día 3 de decembro, en horario de 12.00 a 13.00 a través da plataforma Google meet e enmárcase no convenio que o Concello naronés mantén con AFAL.

A formación é de balde e ó remate da mesma as persoas participantes recibirán un certificado do mesmo. “É moi importante ensinar a sobrelevar esta enfermidade do mellor xeito posible e as persoas que coidan a outras con alzheimer teñen que aprender tamén a vivir coa enfermidade”, asegurou Silvia Loureiro. O presidente de AFAL incidiu en que “a coordinación é fundamental entre os traballadores sociais dos concellos e os das asociacións, e especialmente das persoas que traballan na área sociosanitaria e de demencias”.

Na primeira xornada realizarase unha presentación da asociación AFAL para continuar abordando diferentes temas, como o tratamento da patoloxía e os diferentes síntomas do alzheimer, tratamentos non farmacolóxicos e pautas de comunicación e síndrome do coidador familiar, para rematar informando sobre como convivir coa demencia (aseo, alimentación, alteracións da conduta e actitudes positivas que teñen que adoptar os coidadores e as coidadoras).

A alcaldesa e a edil de Benestar Social destacaron o importante traballo que AFAL realiza co colectivo de persoas con alzheimer e as súas familias, “para poder prestarlles a información e formación que precisan en ambos casos e que lles permita sobrelevar do mellor xeito posible o seu día a día”, indicaron.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …