Narón-Intensificación dos traballos de desbroce e limpeza de parcelas municipais

As melloras do plego do novo contrato de recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria continúan aplicándose na labor que desenvolven os operarios da compañía adxudicararia do servizo.

Nos vindeiros días comezarán a traballar os tres novos tractores que realizarán tarefas de desbroce, entre outras, e que se suman aos dous que están actualmente levando a cabo esas tarefas no termo municipal. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse á zona do muíño de Pedroso, para ver os novos tractores e reunirse co xerente da concesionaria do Servizo, Nemesio Fernández, da empresa Urbaser, e representantes da firma na que se adquiriron os vehículos e o equipamento, entre outros.

Ferreiro subliñou que “a empresa adquiriu estes tres tractores, equipados coas últimas tecnoloxías e que permitirán axilizar os traballos de desbroce e limpeza viaria na zona rural”. Ó respecto, indicou que “se ata agora cos dous tractores que estaban limpando habitualmente pasaban cada tres meses e medio aproximadamente por cada parroquia, está previsto que agora o fagan cada dous”.

A rexedora local explicou que “xa están deseñadas as rutas para cada un dos vehículos, que traballarán de luns a sábado durante todo o ano en horario de mañá e, se fose preciso, na tempada de primaveira e verán intensificaranse as xornadas, co fin de previr incendios forestais no período de maior risco de propagación do lume”.

En canto ós tractores, destacouse a potencia dos mesmos, dous de 160 cabalos e equipados cada un cunha desbrozadora de 7,10 metros de longo e cunha cabeza de desbroce de 1,80 metros. Así mesmo, o terceiro tractor adquirido ten 180 cabalos de potencia e dispón dun cazo que permitirá retirar material de vertedoiros incontrolados en puntos da zona rural donde non poden acceder outros vehículos e cunha desbrozadora de arrastre de dous metros de ancho, para limpar en pistas rurais e parcelas municipais.

“No novo contrato de recollida de RSU e limpeza viaria, por un importe duns 30 millóns de euros para os vindeiros dez anos, quixemos incorporar, e así o fixemos, unha serie de melloras que consideramos prioritarias para manter a nosa cidade, tanto a zona urbana como a rural, nas mellores condicións de limpeza posibles”, apuntou Ferreiro.

A maiores da incorporación destes tres tractores tamén se está levando a cabo xa a limpeza viaria nos tres polígonos industriais da cidade, que antes se facía de xeito puntual pero que pasou a incorporarse ó contrato coa adxudicataria e agora se fai tres días por semana e se incorporou a primeira barredoira eléctrica, menos contaminante.

A instalación de novos contenedores de recollida de lixo, que xa están chegando á cidade, a implantación do contenedor marrón para a quinta fracción e a habilitación de puntos limpos de proximidade están tamén entre as melloras do novo contrato que se irán aplicando nos vindeiros meses.

“A modernización do servizo é fundamental para poder atender en condicións as necesidades da cidade e nesa liña continuamos traballando”, recalcou Ferreiro.

Lea también

Ábrese en Narón o prazo de inscrición na «Xornada de irmandade abelleira»

  A delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura organiza unha “Xornada de Irmandade …