Narón-3 voluntarios de Protección Civil recibiron un distintivo por levar máis de 25 anos na agrupación

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse na mañá deste domingo á Estrada (Pontevedra) para asistir ao acto de entrega das medallas ao mérito e os distintivos de permanencia de Protección Civil de Galicia correspondentes ao pasado ano.

A convocatoria, que comezou ás 12.00 horas, tivo lugar no salón de actos da Academia Galega de Seguridade Pública. Un dos distintivos de permanencia de Protección Civil do ano 2020 foi para Rafael Pazos Louro, responsable da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Narón. Pazos forma parte de Protección Civil de Narón dende o ano 1991, e agradeceu o recoñecemento ao seu labor en particular e
ao da agrupación naronesa en xeral.

No acto tamén se entregaron medallas á permanencia a outros dous voluntarios de Protección Civil de Narón que levan máis de 25 anos formando parte da mesma, José Carlos García –que non puido estar este domingo presente no acto- e José Manuel Suárez, que tamén recolleu esta mañá na Estrada o distintivo.

A alcaldesa felicitou aos tres homenaxeados por este recoñecemento público ao seu labor, unha felicitación que fixo extensiva ao resto de homenaxeados e de integrantes das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. No caso de Narón, a agrupación foi unha das primeiras da comarca en constituirse e ten o número 40 a nivel galego, estando integrada na actualidade por algo máis de medio cento de persoas.

O conxunto das agrupacións galegas obtivo a Medalla de Ouro pola súa colaboración na loita contra a covid-19 e a súa contribución a sociedade na atención da poboación durante a crise sanitaria. Ferreiro destacou que “durante a pandemia, unha vez máis, as voluntarias e voluntarios de Protección Civil de Narón estiveron na primeira liña, axudando ás nosas veciñas e veciños, acompañándoos, levándolles alimentos e medicamentos cando non podían saír das súas casas, realizándolles a compra de produtos de primeira necesidade…”. Así mesmo, destacou que “tamén desempeñaron un papel fundamental na entrega deses produtos de primeira necesidade ás familias máis vulnerables dende o Centro de Recursos Solidarios de Narón, colaboraron nas tarefas de limpeza e desinfección de espazos…. un traballo totalmente altruista unha vez máis e que merece todo o meu recoñecemento”.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta «finde» a representación de «Cigarreiras» e «Golulá»

O Pazo da Cultura de Narón acollerá esta fin de semana a representación da peza “Cigarreiras”, de …