Narón-Programa municipal educativo Informática Divertida (INDI)

A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou que o Concello abrirá este mércores, día 1 de decembro, e ata o 14 de decembro (incluído) o prazo de inscrición no programa municipal educativo Informática Divertida (INDI) dirixido a rapaces de 8 a 12 anos empadroados en Narón.

As sesións terán lugar na Aula Cemit de Xuvia do 22 de decembro ó 5 de xaneiro de luns a venres, incluídos o 24 e o 31 de decembro. Hermida explicou que haberá dúas quendas, unha de mañá, de 10.30 a 13.30 e outra de tarde, entre as 16.00 e as 19.00 horas e avanzou que en cada unha das edicións hai un total de nove prazas, que se cubrirán por orde de inscrición.

É obrigatorio que no momento de cubrir a instancia se indique a prioridade na quenda, de mañá ou de tarde. Se quedan prazas sen cubrir nalgunha quenda, chamarase ás persoas suplentes da outra quenda, para ofrecerlles as prazas vacantes.

Os menores que asistan aprenderán a programar con Minecraft, Star Wars e Frozen, programación de Bloques, a deseñar tarxetas de Nadal e a elaborar un cómic dixital. “Trátase dunha actividade de balde que organizamos un ano máis debido a que ten moi boa acollida na nosa cidade, con límite de prazas en función da situación sanitaria para ofrecer garantías de seguridade ás persoas que participen”, apuntou Hermida.

As solicitudes deberán presentarse dende este mércores, día 1 de decembro, ás 8.30 horas ata o 14 de decembro ás 13.30 horas no rexistro xeral do Concello, a través da sede electrónica de Narón, onde se pode consultar toda a información deste programa ou de calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas utilizando o formulario dispoñible na sede electrónica.

A participación na actividades, as prazas cubriranse por rigurosa orde de inscrición, comunicarase entre o 15 e o 17 de decembro por teléfono ós nove primeiros rexistrados e o listado de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na web do Concello.

Para obter máis información sobre o programa INDI pódese chamar ó número de teléfono 981 337 700 (extensións 1502 e 1123).

Hermida recordou que a convocatoria tamén se ofertou ás sete entidades veciñais da zona rural, donde se formarán grupos de seis persoas e se impartirán as sesións en horario de mañá no mesmo período. As persoas interesadas en informarse ou inscribirse no programa INDI da zona rural poden facelo nos locais sociais de cada parroquia.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …