O Concello de Narón prevé cofinanciar con cargo ó POS+2022 diversos investimentos

O Concello de Narón someterá á votación plenaria da sesión que se celebrará este xoves, día 27, a súa participación no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos (POS+ 2022) e no Plan Único de Concellos (POS+ Adicional 2022).

Con cargo a estas dúas propostas e cofinanciación municipal realizaranse no Concello investimentos por un importe conxunto que ascende a 1.057.630 euros, tal e como indicou a alcaldesa, Marián Ferreiro.

As actuacións a levar a cabo abordáronse a pasada semana no transcurso da Comisión de Contratación, Persoal e Especial de Contas. Ferreiro avanzou que un dos proxectos a materializar será a dotación de zona verde con equipamento no entorno da rúa Camiño do Peregrino, na zona de Piñeiros, proxecto orzamentado nuns 435.000 euros.

Así mesmo, continuarase avanzando na implantación da rede de saneamento na zona rural do municipio, concretamente na parroquia do Val, nos lugares de A Modia, Cruceiro, a Ponte e Quintá, cun investimento neste caso superior aos 90.000 euros.

A maiores, tal e como explicou a alcaldesa da cidae, destinaranse uns 262.000 euros ó acondicionamento do local social da Asociación de Maiores de Santa Icía; uns 175.000 euros á mellora da seguridade viaria na rúa da Garda, na zona do Alto do Castiñeiro, e preto de 130.000 euros á mellora e ordenación do aparcamento no estadio municipal de Río Seco.

En canto ó POS+ Adicional 2022 da Deputación, o Concello recibirá unha achega de 173.924 euros, contía que se destinará a gastos sociais de carácter extraordinario. Con cargo a esa aportación financiaranse parte dos gastos soportados polo Concello para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), na modalidade de Dependencia.

“Dende o goberno local priorizamos este paquete de actuacións para cofinancialas entre a Deputación da Coruña e o Concello, co fin de materializar importantes proxectos previstos tanto na zona urbana como na rural e vencelladas a instalacións municipais, de humanización, seguridade viaria e servizos” apuntou Ferreiro. A rexedora local destacou tamén a achega que se percibirá a través do POS+ Adicional 2022 para destinar ó Servizo de Axuda no Fogar.

Lea también

Concello de Narón e AGA Ferrolterra organizan charlas sobre a avespa asiática

A delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Narón …