Curso de «Experto Profesional en Comercialización de Produtos de Pesca e Acuicultura», Narón

O Concello de Narón organiza unha nova actividade, a través da concellería de Promoción Económica, enmarcada no proxecto “Narón emprende en azul”.

O edil responsable da área, David Pita, explicou que se trata dunha convocatoria realizada co apoio do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte.

Trátase dun curso que se realizará en liña a través da UNED e co que se obterá un diploma de “Experto Profesional en Comercialización de Produtos de Pesca e Acuicultura”. As matrículas poden tramitarse ata o vindeiro 31 de xaneiro a través da Sede Electrónica do Concello ou do Rexistro municipal.

A cuarta edición deste curso, coorganizado pola UNED e Fedepesca (Federación Nacional de Asociaciones Provinciales de Empresarios Detallistas de Pescados y Productos Congelados), contará entre o profesorado con expertos en diversas materias. Unha das novidades desta edición é que entre o contido incluiranse materias relacionadas coa dixitalización e a venda en liña de produtos pesqueiros.

Os módulos abordarán temas como o funcionamento da cadea pesqueira, a seguridade alimentaria, a trazabilidade e o etiquetado, a sostibilidade, marketing e comunicación e tamén, entre outros, aspectos fiscais ou laborais, tal e como indicaron dende a organización.

“É un programa moi completo, avalado pola UNED, e que consta de 400 horas que se impartirán ata o vindeiro mes de xuño, podendo obter 16 créditos”, apuntou o edil naronés.

Un total de quince persoas que cumpran os requisitos estipulados nas bases e publicados na Sede Electrónica de Narón poderán solicitar o 100% da bolsa para realizalo. “Diríxese a todos os profesionais do sector da pesca e comercialización e tamén a aquelas persoas que desexen encamiñar a súa actividade profesional cara a este sector, que é un dos pilares de Galicia”, asegurou Pita.

Para máis información sobre este curso pódese contactar co Concello, chamando ó número de teléfono 981 337 700 (extensión 1204).

Lea también

Concello de Narón e AGA Ferrolterra organizan charlas sobre a avespa asiática

A delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Narón …