Aprobación da ordenanza de uso social do galego na administración local, Ares

O pleno celebrado no Concello de Ares, o luns, día 31 de xaneiro, aproba por unanimidade a ordenanza do uso social da lingua galega na administración local, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística compartido entre Ares, Cabanas, Mugardos, Valdoviño e Neda.

O documento supón unha base reguladora para dar forma e mellorar a documentación, os procesos  lingüísticos e as comunicacións en galego da institución aresán.

A ordenanza, en palabras de Iolanda Gomis, técnica do Servizo de Normalización “é o seguinte paso para promover a lingua na administración dentro do marco normativo autonómico previo. É unha vestimenta, unha imaxe de atoparse a prol do galego e cunha vontade de proxecto. Todo o que tomamos en serio está vestido, proxectado cunhas bases normativas, e iso é o que buscamos coa ordenanza”.

Gomis tamén expón a importancia de protexer a riqueza e biodiversidade do galego na contorna municipal, traballando para que “o Concello poida converterse nun motor do seu fomento”. “O camiño é este. Hai un galego de Ares, uns topónimos de praias e nomes propios que outorgan unha gran riqueza e que temos que preservar. Eses son algúns dos grans de area que achegamos ó mundo”, salientou.

Tal e como se recolle no documento aprobado, a iniciativa bebe do marco normativo que deu a Lei de Normalización Lingüística 3/1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), sustentos da visión das corporacións locais coma axentes activos na implementación do galego nas contornas de carácter municipal.

Por iso, a actual ordenanza recolle e regula o uso social do idioma, entre outros aspectos, na atención ao público, na documentación, publicacións e accións informativas ou na sinalización e rotulacións promovidas polo Concello.

Tamén en todo o relacionado coas toponimias e nomes de rúas, coma parte do impulso institucional a prol do idioma galego.

Lea también

Nuevas visitas en Valdoviño de supervisión del programa de compostaje

El Ayuntamiento de Valdoviño ha llevado a cabo estos días nuevas visitas de supervisión del programa …