O cruceiro xacobeo de Boebre

José Fonte Sardiña

Segundo Castelao, “os santos máis amados pol-o povo galego son fillos do país ou deixaron alí o ronsel do seu tránsito ou a lembranza dos seus miragres” (Castelao: “As cruces de pedra na Galiza”, primeira edición póstuma, Buenos Aires, 1950; citado pola versión de Galaxia, Vigo, 1984, p. 138). Entre os primeiros, encabeza a súa nómina o galego Paio, que foi dego- lado por Abderramán III (912-929) por negarse a practicar a sodomía e a renunciar á súa fe; entre os segundos, destacou por riba de todos eles a figura do apóstolo Santiago que, consonte a tradición, chegou ao noso Finis Terrae para predicarlles o Evanxeo ás súas xentes e está enterrado no seu santuario de Santiago de Compostela (Imaxes de san Paio na fachada da igrexa compostelá de Antealtares e de Santiago sedente e en maxestade no altar maior da igrexa parroquial de Pontedeume, cuxa foto foi cedida polo párroco don Benjamín Sevillano Gallego).

Xa que logo, como di Castelao, “os santiños dos cruceiros galegos teñen un non sei qué propio do país. Sí, na vara dos cruceiros galegos están presentes, en pedra esencial, as mesmas imaxes que se veneran nas ermidas dos montes ou nos santua- rios da zona. Son os santiños amigos, que sandan as doenzas do corpo e do espírito, os benfeitores do agro e das facendas, aos que as xentes enxebres fan romería e respetan como seus advocados” (Idem, p. 139) (Imaxes do Santiago sedente e en maxestade do retablo maior da capela das Virtudes de Pontedeume e de Santiago peregrino no altar maior da igrexa parroquial de Boebre).

Se, como xa se dixo, Castelao afirmaba que os cruceiros galegos acollían no varal ou
fuste as imaxes dos seus santos máis amados, as parroquias do Concello de Pontedeu- me non ían ser unha excepción (Imaxes de Santiago sedente e en maxestade no varal do cruceiro do adro parroquial de Santa María de Centroña e de Santiago peregrino no fuste do cruceiro do parque do Muíño desta mesma parroquia).

A devoción polo apóstolo Santiago, tan espallada por toda Galicia desde a inventio ou
descubrimento dos seus sagrados restos no bosque Libredón, o Locus Sancti Iacobi, no primeiro cuarto do século IX, e a lendaria lembranza da súa predicación nestas terras, que fixo que Teodoro e Atanasio o trouxesen desde Jaffa a Iria Flavia para o enterrar no territorio que evanxelizara, levaron a que, entre as freguesías que lle solicitaran a Afonso X o Sabio (1252-1284), segundo di o privilexio de fundación da vila de Pontedeume outorgado por este rei en 1270, “hun lugar, qual touiesemos por bien, en que poblasen e les otorgasemos los nuestros realengos e todos los nuestros derechos que auiamos e auemos e deuemos por auer en esta tierra e en estas feligre-sias sobredichas”, cinco estivesen baixo o seu padroado; cita así o privilexio real as de “Santiago de Boeure [actual parroquia de Santiago de Boebre, Concello de Ponte-deume e Arciprestado de Pruzos] […], Santiago de Villa Matheu [hoxe parroquia de Santiago de Vilamateo, Concello de Vilarmaior e Arciprestado de Pruzos] […], Santiago de Dragonte [na actualidade parroquia de Santiago de Adragonte, Conce-llo de Paderne e Arciprestado de Pruzos] […], Santiago de França [hoxe parroquia de Santiago de Franza, Concello de Mugardos e Arciprestado de Bezoucos] […] e Santiago de Perlio [actual parroquia de Santo Estevo de Perlío, Concello de Fene e Arciprestado de Bezoucos] […] que ellos pueblen en el lugar que dizen Pontedeume e que fagan y villa” (tomado de Isidoro Millán González-Pardo: “Toponimia del Concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz”, A Coruña, 1987, p. 190 e 191) (Imaxes de Afonso X o Sabio na horta da Casa da Cultura da vila eumesa e da fachada do templo parroquial de Santiago de Boebre).

Pouco despois da fundación ex novo da vila por mor do devandito privilexio, a tamén
nova freguesía de Pontedeume acolleuse así mesmo ao padroado de Santiago. No actual Concello eumés hai hoxe dúas parroquias dedicadas a Santiago, as de Pontedeume e Boebre. No tocante á toponimia menor, destaca a rúa de Santiago, situada na cuadrícula principal da vila xa desde o século XVII (Fachada da igrexa parroquial de Pontedeume e parte alta da rúa de Santiago).

No adro da igrexa de Santiago de Boebre, rodeado de herba e árbores, atopamos un
cruceiro xacobeo, chantado nunha pequena rocha e sostido por un elevado pedestal que presenta unha figura cúbica, e cuxo Cristo, como é preceptivo, mira ao templo
parroquial que ten ao seu carón. No conxunto escultórico aparecen representadas as
figuras do Crucificado, da Virxe do Carme e de Santiago sedente e en maxestade, como acontecía co cruceiro que se dispuxo preto do adro da igrexa da veciña parro- quia de Santa María de Centroña, e ten tamén, igual que o seu compañeiro, o capitel decorado coa cabeza dun anxo rodeada de follas de acanto nas súas catro caras (Imaxes do cruceiro de Centroña).

No anverso do cruceiro de Boebre, sobre a figura de Cristo, aparece un cartel no que se adiviña que está gravado, xa que non se pode ler, o acróstico INRI, que nos indica que quen se atopa debaixo é I[X]esús Nazareno Rei dos Xudeus. O Crucificado ten a
cabeza, coroada de espiño, lixeiramente inclinada cara á dereita, consonte mandan os
canons, e mira ao chan, o que indica que xa lle entregou a alma ao Pai e recibiu a ferida no costado dereito da lanza de Lonxinos, malia que esta non se logra distinguir. O rostro barbado e inerte de Cristo, con longa melena, apenas logra verse. Os seus brazos estendidos, suxeitos á cruz por senllos cravos, mostran certo hieratismo pero gardan unha axeitada proporción co resto do corpo. O tronco escuálido do Salvador, por mor dos castigos inflixidos durante a súa Paixón e Morte, deixa ver as costelas. O corpo espido do Redentor só aparece cuberto por un pequeno pano de pureza, anoado ao lado dereito, que apenas lle cobre as súas partes máis íntimas. Presenta as pernas xuntas á altura dos xeonllos e os pés espetados na cruz cun único cravo; afirma Castelao que “nos cruceiros galegos [e este de Boebre non é unha excepción] e bretóns endexamáis se vé o crucifixo con catro cravos, senón con tres, ao xeito rena-centista, coa particularidade de que sempre, sempre, o pé dereito sobremonta o esquerdo” (Castelao: Op. cit., p. 151).

Ao pé do Crucificado, no fuste, sobre unha pequena peaña, aparece, como no parteluz
do Pórtico da Gloria do Mestre Mateo, onde foi colocado baixo a imaxe do Salvador
que mostraba as chagas da súa Paixón, a talla de Santiago sedente e en maxestade no
trono celeste gañado por mor do martirio sufrido por orde de Herodes Agripa. O seu
rostro barbado e coa melena recortada disponse nimbado como símbolo da súa
santidade e mostra unha enorme serenidade e satisfacción polo premio recibido. O
sacrificio do Redentor foi un exemplo para Santiago e tamén resulta un modelo de vida para os seus seguidores. Como a figura compostelá, a do cruceiro de Boebre viste unha humilde túnica e porta na man dereita o pergameo no que estaban gravados o seu nome ou as Sagradas Escrituras e na esquerda, o bordón con forma de tau, que tamén utilizan como símbolo da cruz os irmáns da Orde de San Francisco, peregrino a Compostela no ano 1214 e impulsor da hospitalidade nos Camiños de Santiago, e usaban como báculo os bispos da diocese xacobea na Idade Media.

O reverso dos cruceiros galegos adoita acoller, á altura da cruz, a imaxe da Nai de
Cristo. Nesta ocasión, a advocación representada é a da Virxe do Carme, debido talvez á proximidade das augas salgadas da ría de Ares ao templo parroquial. A patroa dos
mariñeiros, vestida cunha túnica que lle tapa os pés e unha capa con amplos prega-   mentos, aparece coroada de gloria e sostén no colo, co seu brazo esquerdo, o Neno Xesús; na man dereita porta o seu escapulario bendito en recordo da promesa que fixera de que quen o levase consigo no momento da súa morte non sufriría as penas do Inferno.

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …