Ares súmase á conmemoración do Día de Rosalía mesturando programacións dixitais e físicas

A contorna de Ares prepárase ó longo desta e a seguinte semana para render homenaxe á figura de Rosalía de Castro, poeta central e universal dentro da identidade galega. Ata o de agora, a efeméride celebrábase o 24 de febreiro, día no que constaba o bautismo da autora de Follas Novas, mais a aparición de nova documentación permitiu certificar a data real de nacemento de Rosalía xusto no día anterior.

Para conmemoralo, o Servizo de Normalización Lingüística compartido entre Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño, e a área de Cultura local programan tres principais actividades.

A primeira, promovida dende o Servizo de Normalización en colaboración cos nomeados concellos que o integran, basearase nunha campaña dixital de caracterización. A iniciativa estenderase dende este mércores, 16, ata o 21 de febreiro e convidará a todas as persoas, adultos e nenos, a enviar fotografías coas súas caracterizacións de Rosalía de Castro, incluíndo, se se desexa, versos preferidos, citas de interese… da poeta.

O correo electrónico cultura@concellodeares.com estará habilitado para recibir as instantáneas, que despois poderán publicarse nas redes sociais do concello e na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística, achegando unha visión conxunta de Rosalía entre toda a veciñanza dos entes municipais participantes.

Programacións culturais na localidade

A Concellaría de Cultura de Ares tamén organizará dúas actividades que se suman a esta campaña dixital xusto nas datas de maior relevancia para a celebración do Día de Rosalía. O 23 de febreiro ás 17.00 horas os máis pequenos (5 a 10 anos) terán un obradoiro de manualidades, confeccionando máscaras tematizadas co rostro da poeta na biblioteca municipal da localidade.

De igual maneira, a Alianza Aresana será o espazo que acollerá o espectáculo  do ilusionista Martin Camiña, “Lingua do País”, o xoves, 24, ás 18.00 horas.

Trátase dun evento que forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña e que está marcado pola presenza do humor, a maxia e as reflexións sobre a lingua propia.

Ambas programacións que completan a semana conmemorativa de Rosalía precisarán de inscrición previa no 981 448 057 ou na mesma biblioteca de Ares.

Lea también

Cocina, manualidades, cestería, risoterapia y baile, las propuestas de Ortigueira para sus tardes creativas

Las cinco actividades arrancan a partir de este lunes con 18 sesiones totales a la …