Mariachis en Génova

Rubén Gasalla (*)

Sendo eu neno lembro escoitar ao fraguismo e aznarismo facer escarnio da esquerda pola súa tradicional división. Mesmo, no caso máis extremo, escoitei falar das coalicións como “xogo sucio”. Eran os tolos anos do bipartidismo e toda forma de goberno que se apartase da tradicional quenda pacífica era vista coma un enxendro. En fronte da esquerda fragmentada alzábase un monolítico Partido Popular, cun complexo entramado de baróns provinciais, delfíns e candidaturas únicas; que conseguían aparentar que non tiñan unha sóa fisura.

Un par de décadas despois vemos un PP minguado, froito das escisións que xermolaron en Ciudadanos e Vox. Nin a corrente máis neoliberal nin a máis extremista quixeron compartir xa ese proxecto común, deixando aos democristiáns a dolorosa misión de atopar unha voz propia. A esta indecisión ideolóxica e ás frontes externas da nova dereita, súmanselle agora, xa de xeito visible, as súas guerras internas. Isabel Díaz Ayuso acabou por consolidar o seu poder, lexitimada nas últimas eleccións madrileñas, e pode xa ensinarlle os dentes a un Pablo Casado incapaz de someter a esta corrente baixo un aparato estatal cohesionado. 

O detonante: un contrato de 1,5 millóns de euros adxudicado a un amigo da presidenta pola compra dun lote de máscaras en abril do 2020. Os máis suspicaces, posición na que coincido con Casado, cremos que este amigo da familia sería tan só un testaferro de Tomás Díaz Ayuso, irmán da presidenta, quen recibiu case 300.000 € de comisión pola compra. Sobre esta trama colócanse varias capas máis: acusacións de espionaxe, discursos vitimistas, un grupo de mariachis e o sempre predisposto Carromero. Non mentirei, todas estas cuestións secundarias resúltanme sumamente atractivas, mais non considero que sexan relevantes.

O verdadeiramente grave aquí está en que esa millonaria cantidade só puido ser entregada á empresa de Alcázar, este íntimo amigo da familia sen experiencia no sector sanitario, pola supresión temporal da lei sobre contratos públicos no primeiro momento da pandemia. Esta lei di que un contrato público de suministros de máis de 15.000 € xa non pode ser outorgado libremente por un goberno, senón a través dun concurso público no que se valoren distintas propostas. Había centos de mortes diarias e era urxente conseguir máscaras. Non había tempo para este procedemento, así que se confiou na liberdade: cada comunidade podía buscarse a vida a pracer. E así foi como lle puido dar un agasallo millonario a familia e amigos a expensas do diñeiro público. Meses máis tarde, a mesma presidenta converteu a liberdade na bandeira da súa candidatura electoral. “Comunismo ou liberdade”, dixeron. E, polo visto, a xente escolleu “liberdade”. A inxenuidade que envolve ese termo provócame nauseas, mais ós nosos amigos liberais, dos que Ayuso é xa un emblema, sinten auténticos orgasmos na súa pronuncia. 

Fai unhas décadas escribía Isaiah Berlin que este concepto non é único, pois cumpría distinguir entre dúas dimensións de liberdade: a positiva e a negativa. A liberdade positiva sería a liberdade como “capacidade”. A liberdade negativa sería, por outra banda, a liberdade como “non dominación” ou, en casos extremos, como “non intervención”. É un xeito algo simplista de resumilos, mais serve para ver en que marco podemos atopar a corrente ayusista. A liberdade que se referendou nas eleccións foi a liberdade negativa, aquela que se opoñía a toda intervención estatal, ben sexa para obrigar ao uso de máscaras, restrinxir aforos ou revisar a fiscalidade. A un lado quedou a liberdade positiva, aquela que doadamente se pode conxugar co comunismo, e que implicaría proporcionarlle á cidadanía algo sobre o que facer efectiva a súa liberdade. Porque o realmente nocivo da dimensión negativa da liberdade é que só consolida a liberdade de quen ten recursos para mantela, e basta con asomarse ao noxento sistema sanitario ou universitario estadounidenses para certificalo.

Mais a liberdade negativa, entendida polos neoliberais, sería o garante de que a economía acadase o seu grao máis eficiente: a competencia melloraría a oferta de produtos e servizos e a riqueza “derramaríase” dende as capas altas ata as baixas da sociedade. O último informe de Intermón Oxfam non só non confirma estas inxenuas previsións, senón que amosa como o derrame desafía a gravidade ao aumentar a acumulación de riqueza nos estratos superiores. E isto, por suposto, non sería posible sen esa liberdade negativa, como tampouco o sería este escándalo millonario de Ayuso. 

Máis inxenuo paréceme pensar que esta corruptela pode derrubar o goberno de Ayuso. Pablo Casado, desesperado por liberarse da súa rival, comete o erro de empregar argumentos éticos contra a gañadora dunhas eleccións emocionais. O voto dos barrios de Vallecas e Salamanca non os uniu a ética, senón a rabia. Os ataques de Casado semellan simplemente abocados a unha lamentable derrota, que levarían ao PP a someterse ao ayusismo, achegando sen medo posturas con Vox á espera de recuperar posicións.

Mais estas son as miñas cábalas, altamente pesimistas, que poden non convertirse en realidade. De non cumprimirse, e cando alguén mas poña nos fuciños, sempre me quedará responder como o fixo un bo amigo meu cando o increpei por uns pronósticos vehementes que fixera dúas semanas antes na barra do Patachim: “E esa é a razón pola que non son analista político.”

(*)-Rubén Gasalla (Trabada, 1992). Graduado en Comunicación Audiovisual pola UDC no 2015. Retocador fotográfico en Pull&Bear. Antes diso experiencia en rodaxes audiovisuais galegas e fotoxornalista na Voz de Galicia.
Militante do BNG e delegado sindical da CIG nas oficinas de Pull&Bear en Narón.

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …