O Punto Violeta estará ubicado en diferentes localizacións do termo municipal, Narón

O Punto Violeta itinerante de Narón estará ubicado este mes e en abril en diferentes localizacións do termo municipal, tanto da zona urbana como da rural.

A concelleira de Igualdade, Mar Gómez, destacou que se trata dun espazo informativo, atendido por dúas persoas, a través do que se pretende implicar á sociedade na loita contra a violencia machista, ó tempo que ofrecer asesoramento e información en materia de prevención e atención.

Gómez avanzou que tanto este sábado 12 de marzo, como os sábados día 19 e 26 deste mes o Punto Violeta de Narón estará ubicado na estrada de Castela (á altura do número 278), entre as 22.00 e as 02.00 horas.

Así mesmo, avanzou que “contactamos co Servizo Galego de Saúde para poder instalalo tamén nas inmediacións dos tres centros sanitarios que están operativos en Narón e finalmente tamén levaremos o Punto Violeta ós do Alto, o día 28 de marzo, O Val, o día 4 de abril e Pedroso, o 11 de abril, nestes casos en horario de mañá, de 09.00 a 13.00”.

A edil de Igualdade destacou a importancia de poñer en marcha este tipo de ferramentas, “moi necesarias na sociedade e que ofrecen material informativo para achegar servizos integrais ás vítimas de violencia e ás súas familias e tamén explicarlles como actuar ante unha situación dese tipo”. O Concello impulsa esta iniciativa a través do Ministerio de Igualdad (Pacto de Estado contra la violencia de género).

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …