Apoio ás reivindicacións do sector do transporte de mercadorías, Narón

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse na tarde de onte ata o polígono de Río do Pozo para amosar o seu apoio ás reivindicacións do sector de autónomos do transporte de mercadorías e pequenas e medianas empresas.

“Trátase dun sector que durante a pandemia sufriu tamén os graves efectos da diminución da súa actividade e ó que se suma agora o encarecemento do prezo dos carburantes, entre outros problemas, o que non fai máis que afogar a uns profesionais, abocándoos a unha situación crítica”, asegurou Ferreiro.

A rexedora local conversou con representantes do colectivo afectado que pasaron a noite no estacionamento de camións de Río do Pozo e comprometeuse a instalar na zona unha carpa, xa operativa, e un baño químico, que se colocará este xoves, día 17 de marzo para que poidan utilizar na zona.

Ferreiro recoñeceu a importancia dos problemas derivados da folga iniciada o pasado luns e incidiu na necesidade de que “os problemas, que lamentablemente están afectando a outros sectores e servizos, se solventen de xeito pacífico, apostando pola vía do diálogo entre as partes para retomar canto antes a normalidade”. Como mostra de solidariedade co colectivo, indicou a rexedora local, os tractores do servizo de desbroce estarán parados durante estes días.

“As administracións competentes deben poñer con urxencia sobre a mesa solucións reais e en firme que garantan o futuro e a viabilidade do traballo destes profesionais nunhas condicións dignas, adoptando medidas urxentes para paliar o sobrecuste dos combustibles, que deben trasladar ó prezo dos servizos prestados para poder subsistir”, subliñou a alcaldesa da cidade.

Lea también

O BNG de Narón presenta unha moción sobre vivenda

O BNG de Narón presenta unha moción no pleno para frear o prezo dos alugueiros, …