As tres representacións de san Xosé na igrexa parroquial de Pontedeume

José Fonte Sardiña

Cando eu era un neno, na miña casa, o dezanove de marzo sempre había festa grande porque celebrabamos o Día do Pai ―nunca lle faltaba un bo puro despois do xantar―, o seu santo e mais o meu, e tamén o meu aniversario, e aínda agora, que el xa non está con nós máis que a través da memoria do corazón e malia que non todos os anos esa data é considerada no calendario oficial como xornada non laborable, seguimos a festexala na familia como manda a tradición.

Nunca esquezo tampouco que no día que eu nacera casara en Pontedeume o que logo sería o meu mestre, don Pepe Gómez, como el sempre se encargaba de recordarme cando nos felicitabamos antes do seu pasamento. Por máis que os tempos van cambiando de maneira inexorable, os bos costumes non se poden perder.

Entre as tres imaxes que podemos atopar de san Xosé ―o santo que me regalou o nome e que representa a todos os pais― no templo parroquial de Santiago de Pontedeume, a que máis me gustou sempre foi a que aparece co Neno Xesús e a Virxe María no retablo da Sagrada Familia, que se atopa na terceira capela do lado da Epístola, escoltados por san Ramón Nonato, á súa dereita, e san Brais, á esquerda (Foto de Aurora Lapique).

Este conxunto escultórico que preside o retablo ten no seu centro a un san Xosé bastante novo, coa coroa dourada que fala da súa santidade, con longa melena acastañada e barba recortada e ben coidada da mesma cor, e con algunhas engurras na fronte; viste unha túnica gris verdosa con reberetes granates no colo, amplos pregamentos e cinguida cunha fita tamén granate; está moi concentrado na tarefa que realiza sobre a mesa de traballo; coa man dereita agarra unha serra coa que corta unha táboa que suxeita coa esquerda. Presenta á súa destra á Virxe María, sentada nunha cadeira e fiando cun fuso dourado, que porta tamén unha coroa de santidade dourada e viste unha túnica rosada cinguida cun cordón da mesma cor e unha touca branca que lle cobre os louros cabelos; o seu rostro semella apracible e ditoso. Á esquerda do seu pai putativo está, sen a coroa de santidade, un repoludo, louro e tranquilo Neno Xesús, que aparenta ter uns oito anos; viste unha sinxela túnica branca con reberetes verdes; porta na man dereita un pequeno mazo de madeira co que vai golpear o cicel que suxeita coa esquerda. Os tres personaxes son a imaxe dunha familia feliz, humilde e traballadora (Foto de Aurora Lapique).

A carón da capela da Sagrada Familia, tamén no lado da Epístola, disponse o retablo da Santísima Trindade, que ten á esquerda do conxunto escultórico do Pai, o Fillo e o Espírito Santo a talla de san Roque de Montpellier ataviado como peregrino e, á dereita, unha fermosa imaxe de san Xosé sobre unha peaña dourada; no ático acolle a representación en relevo do arcanxo san Miguel (Foto de Aurora Lapique).

San Xosé leva tamén unha coroa de santidade dourada e ten melena e barba acastañadas, coma o antes dito da Sagrada Familia. Viste unha túnica dourada e unha capa vermella con reberetes dourados con amplos pregamentos, que deixan ao descuberto os seus pés espidos, e leva no colo, suxeito co brazo esquerdo, un Neno Xesús louro, gordiño, cos brazos abertos e só vestido cun pequeno pano de pureza, que acaricia coa man dereita a barba do seu pai. San Xosé porta na man esquerda unha vara florida, que, segundo os Evanxeos Apócrifos, foi o sinal divino que o designaba como o elixido para ser o pai de Xesús na Terra; consonte unha profecía, “a Virxe María debía ser confiada e casada con aquel de cuxa vara brotasen flores e na que se pousase no seu estremo o Espírito Santo en forma de pomba […]. E, como nada aconteceu que correspondese ao oráculo divino, o Gran Sacerdote pensou que había que consultar de novo ao Señor. Este respondeu que, de todos os que foran designados, só o que non levase vara era aquel con quen debía casar a Virxe. Xosé foi así descuberto. E, cando colleu a súa vara e na punta pousou unha pomba chegada do Ceo, todos conviñeron en que a el lle correspondía o dereito de desposar con María” (tomado e traducido do “Evangelio Apócrifo de la Natividad de María”). A Santísima Trindade é, como se ve, fundamental na vida de san Xosé.

O ático do retablo é ocupado pola imaxe en relevo do arcanxo san Miguel que, consonte os Evanxeos Apócrifos, en narración do propio Xesús Cristo aos apóstolos, conduciu en compañía de Gabriel a alma de san Xosé ao Ceo. “Oh Señor de toda clemencia, ollo que ve e oído que oe, escoita o meu clamor e a miña demanda polo bo ancián Xosé e envía a Miguel, xefe dos teus anxos, e a Gabriel, mensaxeiro da luz, e a todos os exércitos dos teus anxos e os seus coros para que acompañen onda Ti a alma do meu pai Xosé […]. Miguel e Gabriel achegáronse á alma do meu pai Xosé, tomárona e envolvérona nun hábito luminoso e el entregou a alma en mans do meu bo Padre, que lle deu a salvación e a paz” (tomado e traducido do “Evangelio Apócrifo de la Historia árabe de José el Carpintero”).

No retablo pictórico do altar maior do templo parroquial eumés, na parte baixa do lado da Epístola, está o lenzo do Nacemento de Xesús, realizado, segundo De Castro Álvarez, polo pintor betanceiro Antonio Martínez de Segade (Carlos de Castro Álvarez: ‘Una nueva lectura de las pinturas del retablo mayor de la iglesia parroquial de Santiago de Pontedeume’, “Cátedra”, 17, Pontedeume, 2010, p. 71-86), onde se representa a terceira imaxe que esta igrexa acolle de san Xosé (Foto de don Benjamín Sevillano Gallego, párroco da Unidade Pastoral de Pontedeume).

Un louro, saudable e gordiño Neno Xesús, espido, mira con tenrura e un leve sorriso no rostro a súa Nai que, cun vestido entre vermello e rosado, unha touca branca na cabeza e un manto azul sobre as pernas, lle devolve unha amorosa mirada e o envurulla cun impoluto e branco lenzo coas súas finas e delicadas mans. Detrás de María, asumindo un papel discreto e así e todo fundamental, aparece un avellentado Xosé, con pouco pelo na cabeza e coidada barba branca, vestido cunha camisa entre vermella e rosada, que, coas mans xuntas en sinal de entrega, acepta o papel de pai putativo do Neno que o anxo do Señor lle encomendara nun soño. A corte das bestas foi o humilde lugar elixido por Deus Pai para que nacese o seu Fillo e Redentor do mundo.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …