Conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, Narón

O Concello de Narón e o Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acolleron este venres, día 8 de abril, os actos organizados con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria que tivo lugar no salón de plenos, donde tamén estiveron presentes a edil de Benestar Social, Catalina García, a traballadora social de AFA Ferrol (Acción Familiar), Lara López, e outros representantes dos grupos políticos da corporación local.

Ferreiro deu a benvida ás persoas que se achegaron ao salón de plenos e destacou a importancia de celebrar este día. “Un día de reivindicación dos dereitos do pobo xitano para a súa tan necesaria plena inclusión na sociedade, desbotando os prexuízos que lamentablemente aínda a día de hoxe existen sobre este colectivo”, asegurou.

Nese camiño da plena integración social, apuntou a alcaldesa, continúase traballando dende o Concello para poñer en marcha programas dirixidos a persoas de etnia xitana, en colaboración con AFA Ferrol.

Unha vez no salón de plenos, proxectouse un vídeo con imaxes de diferentes persoas, entre elas varios membros da corporación local, con carteis en defensa da inclusión social do pobo xitano. A continuación, Talía Romero e Naiara Moreno leron unhas frases sobre o pobo xitano e outra rapaza, Emma Gabarre, leu tamén un texto reivindicativo relacionado co colectivo. Unha vez que rematou a lectura, a rexedora local aludiu en particular á persoa de Emma, que recibiu esta venres día 8 de abril,  unha homenaxe sorpresa no Concello.

Ferreiro destacou a constancia e fortaleza de Emma, todo un exemplo de superación, tal e como apuntou, ó ter que afrontar durante a súa vida unha serie de prexuízos que lle impediron traballar polo momento como axudante de cociña, para o que se formou inicialmente. Á vista da situación Emma non decaeu e continuou estudando nas áreas de administración e limpeza, traballando actualmente neste último sector cun contrato que a día de hoxe é indefinido. Trala sorpresa inicial Emma agradeceu o recoñecemento e recibiu como agasallos un reloxio e un ramo de flores.

A continuación as participantes, entre as que se encontraban varias mulleres de etnia xitana, desprazáronse ó Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, xa que por mor da choiva non se puido celebrar este ano a tradicional Cerimonia do Río prevista no parque do Río Freixeiro.

No Centro Manuela Pérez Sequeiros a concelleira de Benestar Social, Catalina García, a traballadora social de AFA Ferrol, Lara López, e dous representantes do proxecto Humanos en el planeta cielo encargáronse de presentar as dúas exposicións que permanecerán ata finais de mes nas citadas instalacións municipais. Unha delas leva por título “Somos xitanos e xitanas de Narón e esta é a nosa historia”, que se realizou o ano pasado e na que aparecen trece persoas xitanas que estudan e traballan, para visibilizar a súa vida.

Na mostra deste ano, titulada “Homenaxe ao pobo xitano de Narón”, amósase a esencia das persoas, de avós e netos e netas ou de persoas sen vínculos familiares de diferentes culturas, reflectindo a cotidianeidade a través de encontros humanos que tratan de rachar cos prexuízos froito do descoñecemento e a desconfianza, tal e como explicaron os autores das fotos e entrevistas, de Humanos en el planeta cielo.

Finalmente, García agradeceu a implicación de todas as persoas que fixeron posible este traballo intercultural e recalcou que “todos somos persoas e como tal debemos ser tratados de igual forma”. O acto de hoxe rematou cun café de pota que se sirveu no Manuela Pérez Sequeiros e unha actuación musical a cargo de tres rapaces de etnia xitana.

Na Biblioteca municipal, este sábado, día 9 de abril, ás 11.00 horas, dará comezo “Opré Romá!, unha proposta multidisciplinar para nenos a partir de 4 anos coa que se pretende visibilizar a desestigmatización do pobo xitano.

Lea también

Últimos días para inscribirse en Narón no curso sobre “Xestión de redes sociais con Canva e ChatGPT”

Esta acción formativa impartirase dende o vindeiro 2 de maio ata o 28 de xuño, …