Programa «Vacacións en Paz» para nenos saharauis, en Narón

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, e a delegada da comarca da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), Maite Martínez, presentaron este martes, día 19 de abril, no Concello de Narón unha nova edición do programa “Vacacións en Paz”

A edil naronesa avanzou que este ano virán á cidade oito nenos nados no ano 2014, procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf (Arxelia)

“Nenos que veñen este ano á cidade é a primeira vez que saen dos campamentos de refuxiados”, explicou García, que avanzou que a previsión é que cheguen a finais de xuño ou principios de xullo e permanezan ata principios de setembro coas familias de acollida.

García apelou á colaboración cidadá para que “aquelas familias que poidan participar no programa o fagan ou, no caso de querer informarse sobre o mesmo contacten co Concello para que lles aclaremos posibles dúbidas sobre este programa”

Pola súa banda, Maite Martínez valorou a colaboración do Concello naronés, que leva máis de vinte e cinco anos participando no programa “Vacacións en Paz” e asegurou que “está previsto que veñan a Narón oito menores, pero no caso de que houbera máis familias interesadas en sumarse a este programa poderían ser máis”

Finalmente, García agradeceu “o traballo que ano tras ano realiza a Sogaps para que os menores que viven nos campamentos de refuxiados saharauis poidan vir unhas semanas a Galicia, afastándose das elevadas temperaturas que se rexistran en Arxelia no verán e tamén recibindo unha vez aquí atención sanitaria para unha revisión médica”. A concelleira naronesa subliñou “o importante labor que realizan todas as familias que fan posible que sigamos mantendo este programa, porque sen a súa disposición e colaboración sería imposible facelo”

As persoas que desexen recibir máis información ó respecto poden escribir un correo electrónico á dirección: concellerias@naron.es, debendo indicar o nome e apelidos e un teléfono de contacto. Unha vez recibido o correo, dende o Concello informarán ás persoas interesadas sobre o procedemento a seguir para participar no programa “Vacacións en Paz”

Lea también

Requerimento a Urbaser por incumprimento do contrato en Narón

O Concello de Narón realizou a pasada semana un requerimento á empresa concesionaria do servizo …