San Sadurniño celebra as Letras Galegas no serán deste domingo

Florencio Delgado Gurriarán é o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Militante do Partido Galeguista, exiliado en América, colaborador de Castelao, promotor de iniciativas editoriais e radiofónicas, poeta que escribiu entre o seu mundo natal, Valdeorras, e o México de acollida, ó que marchou como tantas outras perdedoras e perdedores da Guerra Civil.

Un persoeiro pouco coñecido para o grande público pero que, porén, é prototipo do activista cultural galego do século XX; aquel que toca múltiples campos creativos desde o compromiso social e político co país. En San Sadurniño renderáselle tributo este domingo 15 de maio cun acto a partir das 18:00h na praza do antigo Concello.

Nesta semana intensifícanse en toda Galicia as accións para dar a coñecer a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán e poñer en valor o seu legado. No caso de San Sadurniño o acto central das Letras Galegas desenvolverase ó aire libre cun programa que incluirá anacos da súa obra e tamén as actuacións das escolas municipais de cantos de taberna, pandeireta e gaita. As formacións tradicionais ofrecerán catro pezas escollidas do seu repertorio e, cara ó final, botaranlle outras dúas en conxunto, preparadas nos últimos días.

O evento presentarao a responsable de Cultura, Amparo Calvo, aínda que os mestres da cerimonia serán Xose Bonome e Pedro Picos (Bucanero Teatro), a quen puidemos ver recentemente na  Casa da Cultura coa obra  «Eurovisión. O fake show». Non está confirmado aínda se ó dúo se unirá a actriz Sabela Hermida, parte tamén do elenco artístico desta peza, a derradeira  escrita por Lino Braxe.

Bucanero ha poñerlle, con toda seguridade, a nota de humor a un serán musical que honra a fala, a creación en galego e, neste caso, un autor ourensán de forte convicción e militancia galeguista cuxa figura se trata amplamente na web da Real Academia Galega e no proxecto As Letras de Florencio, que inclúe o premio poético co seu nome.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …