Caamouco e Limodre únense polas Letras Galegas cunha ruta de sendeirismo teatralizada

Unha ruta literaria teatralizada polas parroquias de Caamouco e Limodre. Esa é a proposta para festexar as Letras Galegas, impulsada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco e a Asociación de Veciños de Limodre.

Baixo o título Camiños das Letras, os dous colectivos renovan as súas boas relacións e fano cunha iniciativa conxunta ideada para o 2020 e que tivo que ser posposta ata este ano por mor da pandemia.

A outra pata desta actividade é o grupo A Tenencia Teatro. Baixo a dirección de Eugenia Sanmartín, os actores daranlle vida a distintas personaxes recoñecidas ó longo da historia polas Letras Galegas.

En total, interpretaranse 15 autores. Entre eles, por suposto, o autor homenaxeado este ano, Florencio Delgado Gurriarán. Como non podía ser doutro xeito tampouco faltarán grandes referencias da nosa literatura, como Castelao, Rosalía ou María Mariño; así como varios acenos ás nosas letras máis próximas, con Carvalho Calero ou Xosé María Pérez Parallé como grandes referencias.

Varios dos actores mesmo terán que xogar co espazo e o tempo, adiantándose ó grupo para aparecer, máis adiante, transformados noutras personaxes. ‘Estamos a falar dun esforzo técnico e loxístico sen precedentes por parte das dúas asociacións, na que todo está ben ensaiado e medido para que saia segundo o previsto’, comenta a presidenta da Asociación de Limodre, Ana Santiago.

A ruta, programada para a mañá do domingo 22 de maio, ten inicio e remate na Escola de Limodre. Será circular, con oito paradas, entre elas, na Hortiña, Río Sandeo, a Area Morta, a Horta de Quinín ou o centro social da Agrupación Instrutiva de Caamouco, por exemplo.

En cada un dos puntos un ou varios actores recibirán ós camiñantes, interpretando algún texto emblemático de cada un dos autores. Por suposto, cunha caracterización medida ata o último detalle, o que permitirá ás persoas participantes recoñecer de inmediato a cada un dos persoeiros. A directora do grupo, Eugenia Sanmartín destaca ‘a capacidade adaptativa que teñen que amosar os actores á hora de xogar case en simultáneo coas distintas personaxes e caracterizacións’.

Un traballo no que levan semanas inmersos, ó tempo que manteñen as representacións da súa última obra Retratos Vellos, por varios puntos da comarca. Ademais, a Escola de Pandeireta da Agrupación Instrutiva de Caamouco únese á andaina, cunha actuación sorpresa nalgún punto do percorrido.

A posta en escena en cada unha das paradas está pensada para converter a paisaxe de ambas parroquias no eixo condutor da andaina. Así, o grupo de teatro apostou por unha intervención mínima sobre o ‘decorado’ natural que ofrece cada un dos puntos escollidos. ‘Hai moitas cousas que unen Caamouco e Limodre, entre elas as nosas paixases’, comenta Dani García, presidente da Agrupación Instrutiva.

‘Queremos que esta ruta borre do mapa esa fronteira imaxinaria entre ambos concellos e parroquias, converténdoas no que realmente son, un continuo paisaxístico unido pola liña do mar, por unha praia compartida e polos camiños que unen ambos lados’, engade.

A ruta é circular e ten unha dificultade media-baixa. Está pensada para un público familiar e adáptase sen problemas á rapazada acompañada. O número de prazas limítase a 80. O prazo de inscrición abre este martes, día 10 de maio, e pechará o día 20 do presente mes, a través de reserva no 616 74 02 05. Terá un prezo de dous euros por persoa (para socios de ambas asociacións) e de cinco euros para non socios

Na iniciativa colaboran os Concellos de Ares e Fene, xunto coas agrupacións de Protección Civil.

Lea también

La Diputación y el Concello de Cedeira invierten 187.000 euros para renovar el pavimento del pabellón municipal

El presidente de la Diputación de A Coruña, Valentín González Formoso, y el alcalde de …