As Escolas do Padroado da Cultura de Narón celebran mostras de finais de curso

As Escolas do Padroado da Cultura de Narón celebran estes días as mostras de finais de curso en diferentes espazos públicos da cidade.

A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou “o gran labor que se desenvolve nestas escolas cada curso e a excelente acollida que teñen entre a veciñanza de Narón e doutros concellos, que acuden ás clases que se imparten dunha gran variedade de especialidades e para persoas de todas as idades”.

Ferreiro recordou que se trata de actuacións con acceso libre, para dinamizar a actividade cultural achegándoa aos diferentes barrios da cidade e dar a coñecer o traballo que realizan as Escolas do Padroado da Cultura.

Alumnado da Escola de construción de instrumentos traballou nas inmediacións do Pazo da Cultura o pasado luns, día 16, e nesa mesma xornada alumnado das escolas de Acordeón, Baile tradicional (adultos) e do Grupo de gaita e percusión actuou na praza da Lectura.

O mércores pasado foi o turno dos nenos de O Recuncho dos Pequechos, que estiveron amosando parte do traballo aprendido no exterior do Pazo. Ese día tamén as escolas de Pandeireta infantil, a de Zanfona e a de Pandeireta de adultos actuaron na praza de Galicia e as de Pandeireta de adultos e a de Zanfona na praza Álvaro Paradela.

As seguintes propostas tiveron lugar o xoves, con actuacións da Escola de Baile tradicional (infantil) e do Grupo de Gaita e Percusión na praza da Lectura e da escola de Bailes de Salón na praza da Gándara. As mostras do traballo realizado durante o curso remataron na tarde de onte, coas actuacións da escola de Gaita e percusión na praza da Solaina e da de Pandereteiros e do Grupo de Gaitas no paseo de Xuvia.

Lea también

O Bng de Narón leva ó pleno unha moción en apoio ás traballadoras do SAF

  Nun comunicado o BNG de Narón informa que «as traballadoras do SAF, servizo de …