Aberto o prazo de inscrición en dous cursos da plataforma Cemit, Narón

A plataforma Cemit abriu este sábado, día 21 de maio, o prazo para inscribirse en dous cursos que se impartirán na Aula Cemit de Xuvia, un sobre “Busca de emprego 2.0” e outro de “Ferramentas TIC para gamificación na aula”.

A edil de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, indicou que se ofertan un total de 24 prazas, doce para cada un dos cursos, que se comezarán a impartir a finais deste mesmo mes.

O curso de “Busca de emprego 2.0” consta dun total de 52 horas formativas, que darán comezo o 31 de maio e rematarán o 16 de xuño en quenda de maña, de 9.30 a 13.30 horas. O contido que abordará o alumnado é sobre marca persoal na web 2.0, redes sociais aplicada á busca de emprego, redes sociais profesionais, currículo 2.0 para un recrutamento efectivo e portais 2.0 para a busca de emprego.

No que respecta ó curso sobre “Ferramentas TIC para a gamificación na aula”, trátase dunha proposta formativa de 40 horas, que comezará o 31 de maio e rematará o 13 de xuño, neste caso en horario de tarde, de 16.00 a 20.00. Durante os dez días lectivos as alumnas e alumnos aprenderán que é a gamificación e tamén ferramentas propias como Perar Deck, Kahoot!, Edmodo, ClassDojo, Trivinet, Educaplay e Genially.

As persoas interesadas en inscribirse no curso de “Busca de emprego 2.0” poden anotarse a través do enlace: https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/38835 e para o curso “Ferramentas TIC para a gamificación na aula” no enlace: https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/38836

Lea también

Axenda en Narón o 20 e 21 de abril

Sábado 20 de abril de 2024 Actividade: Obradoiro “Encadernación ecolóxica” Hora: 11:00 Lugar: Centro cívico …