Representación en Cedeira da obra “As que limpan”

O grupo teatral A Panadaría chega esta fin de semana a Cedeira para representar a súa última obra, “As que limpan”, unha sátira utópica e feminista sobre as camareiras de piso, as “kellys”.

O Auditorio Municipal acollerá a representación este sábado día 4 de xuño, ás 20.00h, e as persoas interesadas en asistir poden reservar previamente a entrada, a través de whatsapp ó número 649 876 614 ou ben comprala na billeteira o mesmo día. O prezo é 2,50€.

A Panadaría é un grupo creado no ano 2013 por tres mulleres polifacéticas, Areta BoladoNoelia Castro e Ailén Kendelman, que conqueriron xa cos seus traballos iniciais o recoñecemento do público. Recibiron o Premio da Crítica en Galicia pola súa primeira montaxe, “Pan!Pan!”, e despois chegaron outros, entre os que cabe destacar os moitos que mereceu o seu anterior espectáculo, “Elisa e Marcela”. A súa versión da historia de amor das dúas mulleres que casaron en 1901 recolleu entre outros o María Casares ó Mellor Espectáculo e o Premio do Público no Festival de Ribadavia.

Aquela peza foi coproducida polo Centro Dramático Galego, e a actual obra, “As que limpan”, conta co apoio do Centro Dramático Nacional. A estrea da obra en galego foi no pasado mes de febreiro en Tui e en abril Valencia acolleu a da versión en castelán.

A Panadaría aborda nesta nova montaxe a loita das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos, fronte á avaricia dos propietarios das cadeas hoteleiras. Son “as invisibles que carretan ó lombo un sistema turístico precarizador”, explican na presentación da obra, cargada de acidez e retranca.

A compañía volta a Cedeira, vila na que tamén representou con grande éxito os seus tres anteriores espectáculos, “Pan!Pan!”, “Panamericana” e “Elisa e Marcela”.

Lea también

La Mancomunidad de Concellos celebró en Valdoviño una jornada técnica de turismo

Valdoviño acogió esta semana una charla técnica organizada por la Mancomunidad para dar a conocer …