Aprázase ó 12 de xuño a xornada Primavera no Camiño Inglés

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, informou do aprazamento da quinta edición de Primavera no Camiño Inglés, na que participará o Concello de Narón cun stand informativo.

Dende a organización indicaron que se adoptou a decisión “para garantir a seguridade tanto das persoas que ían estar presentes en representación dos dezaoito concellos como do público asistente, tendo en conta as pésimas previsións meteorolóxicas para este sábado 4 de xuño, que alertan de fortes choivas con posibilidade de aparato eléctrico”. A decisión, segundo indican, corroborárona a Deputación da Coruña e o Concello de Oroso, colaboradores desta iniciativa e que solicitan desculpas polas posibles molestias ocasionadas.

O Concello de Narón estará presente nesta edición da Primavera no Camiño Inglés que terá lugar na Alameda de Góis, en Sigüeiro (Oroso), cun stand no que se ofrecerá información sobre a guía de turismo “Narón para os teus ollos”, as rutas turísticas de “Pena Molexa-Monte da Lagoa”, “Ruta dos muíños”, a do tramo do Camiño Inglés que discurre polo termo municipal, cunhas seiscentas prazas hoteleiras.

A maiores, tamén se proxectarán no stand naronés vídeos promocionais da cidade.

Dende a organización indicaron que nos vindeiros días se dará a coñecer a programación, “que se prevé sexa moi similar á anunciada para a convocatoria prevista inicialmente para este sábado”.

Lea también

Ferreiro e Rey Varela valoran a desmontaxe das líneas de alta tensión entre Narón e Ferrol

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, está a finalizar o desmonte das dúas liñas de …