Celebración da Feira do Libro e da Artesanía no parque de Freixeiro, Narón

O parque de Freixeiro acollerá a vindeira fin de semana, do 17 ó 19 de xuño, incluídos, a Feira do Libro e da Artesanía.

O edil de Feiras, Santiago Galego, presentou este venres, día 10 de xuño o evento no Concello de Narón acompañado por Antonio Martínez, presidente da Asociación de Libreiros de Ferrolterra, e Ana da Silva, presidenta da Asociación Camiño da Artesanía.

Dende ambas entidades destacaron a implicación do Consistorio naronés e a disposición para programar este evento, do que confían que teña unha gran acollida e se manteña no tempo con novas edicións. A feira estará aberta os días 17 e 18 de 11.00 a 21.00 horas e o día 19 dende as 11.00 ata as 20.30 horas.

Un total de seis librarías participarán nesta convocatoria, na que se habilitará unha caseta para a sinatura de libros prevista con varios escritores. Será precisamente unha delas, a galega Paula Carballeira, a encargada de inaugurar a Feira do Libro e da Artesanía, ás 12.00 horas do venres 17, tal e como avanzou Galego.

Ademais de Carballeira, participarán outros recoñecidos autores, como Antón Cortizas, Inés Vázquez, Francisco Narla, Antonio Seijas, Fátima Elías, Antía Yáñez, Amara Castro, Juan José Lada… pasarán polo citado espazo para presentar os seus libros.

En canto ó ámbito da artesanía, haberá unha vintena de postos instalados no parque de Freixeiro sobre punto, madeira, xoias, repostería, cosmética, textil, coiro… e a maiores levaranse a cabo os tres días, en horario de mañá e tarde, obradoiros sobre cerámica, macramé e outras modalidades artesás. Poderán participar todas as persoas que o desexen, tal e como indicou Da Silva, anotándose previamente o mesmo día no recinto da feira.

Finalmente o edil naronés asegurou que “estamos encantados de potenciar estes dous sectores, que son para nós moi importantes e que entendemos que debemos potenciar tamén dende as administracións”. Galego agradeceu a colaboración das dúas asociacións para poder organizar este evento na cidade, ó que animou a acudir ós veciños de Narón e doutros concellos.

Lea también

Ferreiro e Rey Varela valoran a desmontaxe das líneas de alta tensión entre Narón e Ferrol

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, está a finalizar o desmonte das dúas liñas de …