O heroe eumés Roxín Roxal e A Ponte do Porco

José Fonte Sardiña
O 19 de decembro de 1371, o rei Henrique II (1369-1379) asina en Burgos un privilexio polo que lle concede a Fernán Pérez de Andrade, “por muchos e buenos e leales e muy grandes serbiçios que nos fazedes e fezistes de cada día […], por juro de heredad para agora e para siempre jamas, para vos e para vuestros herederos e para los que de vos vinieren los lugares de la Puente d’Ume e Ferrol, que son en Galliçia” (tomado de José Correa Arias: “Fernán Pérez de Andrade, o Bóo. Mentalidade e realidade social”, Noia, 2004, p. 127). Por mor doutro privilexio asinado en Burgos o 5 de xuño de 1372, concedeulle tamén o “señorío e terra de Vilalba” (Idem, p. 261) (Sartego de Fernán Pérez de Andrade na igrexa de San Francisco de Betanzos).

Conta unha lenda que Fernán Pérez de Andrade fora coñecido polo alcume do Bo porque patrocinou e mandou construír ou rehabilitar nos territorios dos señoríos que o rei Henrique II lle outorgara importantes infraestruturas para o seu desenvolvemento económico, como sete pontes en sete ríos caudalosos, sete igrexas, sete mosteiros e sete hospitais (Igrexa de San Francisco de Betanzos, unha das sete que ordenou facer e na que quixo ser enterrado, como así se cumpriu).

S. Francisco de Betanzos

Así e todo, Manuel Murguía afirma que o Bo, de quen di que a lenda se apoderou da súa vida e tendeu sobre ela unha poética trama, recibiu este apelativo porque, sendo aínda moi novo, cando o futuro Henrique II fuxía perseguido polo seu irmán, o daquela rei, Pedro I, lle deu “refuxio na torre de Andrade. De alí pasou a Francia levando na súa compaña a Fernán, a quen o seu pai lle dixo ao partiren: ―Sé bo, que bo compañeiro levas!, e de aí que fose coñecido despois con aquel alcume” (tomado e traducido de Manuel Murguía: “Galicia”, primeira edición 1888; citado pola de Sálvora, Santiago de Compostela, 1985, t. II, p. 1160) (Torreón eumés; foto de Aurora Lapique).

Torreón Pontedeume

As sete pontes que o Bo mandou levantar ou ampliar estaban situadas no Camiño Inglés ―no Burgo, Xuvia, A Ponte Baxoi, Lambre, Pontedeume, Sigueiro e esta da Ponte do Porco― e serviron tamén para que os peregrinos salvasen estes ríos ―Mero, Xuvia, Baxoi, Lambre, Eume, Tambre e de novo Lambre, respectivamente― que se atopaban na súa ruta cara a Santiago de Compostela (Ponte do Burgo).

Ponte do Burgo

No lugar da Ponte do Porco, na parroquia de Santa María de Miño, onde se une este concello co de Paderne, mandou facer Fernán Pérez de Andrade unha ponte sobre o río Lambre para comunicar estes territorios cos de Betanzos, que estaban todos baixo a súa xurisdición. Segundo Rivadulla Conde, esta antiga ponte tería catro arcos de medio punto con doelas que poderían ser de perpiaño ou cachotaría; a ponte actual presenta tres arcos rebaixados que descansan sobre piares de perpiaño, con tallamares circulares do mesmo material moi ben traballados, igual que as doelas dos arcos. O taboleiro foi ensanchado con formigón e os peitorís de pedra, substituídos por uns de ferro (cfr. Isabel Rivadulla Conde: ‘As sete pontes de Fernán Pérez de Andrade’, no “Boletín do
Seminario de Estudios Mariñáns”, III, Betanzos, 1987, p. 58-60) (Plano da ponte, idem, p. 59).

Planno Ponte do Porco

Conta Couceiro Freijomil que no século XX esta ponte era “unha construción de tres arcos por riba do río Lambre, á entrada da pintoresca aldea de Miño, na estrada de Betanzos a Xuvia. O nome da Ponte do Porco débese á cabeza de xabaril que aparece no arco central [hoxe está no piar que sostén o terceiro arco, xa na parte de Paderne]. A ponte actual, edificada con materiais da antiga, data, segundo unha inscrición, do ano 1862, reinando Isabel II” (Antonio Couceiro Freijomil: “Historia de Pontedeume”, primeira edición 1944, citado pola cuarta, versión en galego, Pontedeume, 1995, p 136) (Cabeza do xabaril na Ponte do Porco).

Cabeza xabaril Ponte do Porco

Consonte a lendaria tradición, fora aquí onde o heroe eumés Roxín Roxal matara no século XV ―coa daga que levaba gravada as súas iniciais, R. R., e que Nuno Freire de Andrade, alcumado o Mao, lle regalara― o xabaril que lle causara a morte á súa amada Tareixa, a filla de Nuno Freire de Andrade, terceiro señor destes territorios herdados do seu pai Pedro Fernández de Andrade, que os recibira do antagonista do seu fillo, Fernán Pérez de Andrade o Bo (A Ponte do Porco).

Bo coñecedor da lenda, Benito Vicetto, no ano 1857, publicou unha novela que tiña como protagonista a Roxín Roxal. Segundo afirma, atopou, por casualidade, uns manuscritos nun mosteiro beneditino ―probablemente sería o de Caaveiro― que contaban unha historia ben distinta do doncel. En palabras do narrador da novela, “a nosa Galicia tradicional só coñece a Roxín Roxal como un paxe amante e trobador: cómpre pois rebuscar as crónicas dos beneditinos para atopar o paxe rei” (tomado e traducido de Benito Vicetto: “Rogin Rojal. El page de cabellos de oro. Novela histórica caballeresca del siglo XI”, Madrid, 1857, p. 380) (Mosteiro de Caaveiro).

Caaveiro

Na súa novela, Benito Vicetto representa en Roxín Roxal a esperanza de que Galicia, aínda que durante pouco tempo e só na ficción, recuperase no século XI, na figura deste eumés, o seu reino e a súa independencia do xugo de Castela e de León, encabezado polo rei Afonso VI (1065-1109). Roxín Roxal, fillo bastardo de García I de Galicia (1065-1072), foi coroado ―na novela, que non na realidade― polo bispo de Santiago de Compostela Diego Peláez (1071-1094), tamén defensor da causa, como rei de Galicia, co nome de García II. Así e todo, moitos dos nobres galegos, entre eles o conde de Andrade ―igualmente na ficción―, defenderon a lexitimidade de Afonso VI como rei de Castela, León e Galicia e derrotaron axiña aos partidarios do novo monarca García II (Coroación de Roxín Roxal; litografía de Villegas no exemplar da novela).

Coroación de Roxín Roxal

Segundo o narrador da obra de Vicetto, “a tradición deste suceso di que a isto lle debe a ponte o nome que leva; nós seguimos esta crenza noutras lendas que escribimos, pero hoxe posuímos mellores datos nos manuscritos que adquirimos de varios beneditinos do país; o nome da Ponte do Porco non se debe a outra cousa senón a ser obra feita polo conde de Andrade, Fernán Pérez o Bo, quen, como en todas as que fixo, puxo un xabaril e un lobo de pedra [era un oso o que poñía no canto dun lobo], que formaban parte do seu escudo de armas con esta orla: Ave María” (Idem, p. 274) (Xabaril da ponte da vila eumesa mandada facer polo Bo, hoxe disposto na horta do claustro da Casa da Cultura).

Antes de cruzar a ponte, na alameda veciña, pertencente ao concello de Miño, está chantado un fermoso cruceiro coa imaxe do xabaril dos Andrade cunha cruz encima, que se podería considerar tamén como un sinal da vitoria sobre o mal, xa que este animal foi, decote, relacionado co Demo. No cruceiro, unha inscrición lembra a Fernán Pérez de Andrade o Bo como “patriota exemplar e gran benfeitor da comarca Brigantina” e aparece tamén esculpido o escudo dos Andrade co seu lema AVE MARIA GRATIA PLENA DOMINUS TECUM (Cruceiro e inscrición da Ponte do Porco).

Hoxe se dispón a carón esta ponte, que divide os concellos de Miño e Paderne, outra que atravesa a Estrada Nacional e, río arriba, están tamén a do ferrocarril e a da autopista. Coa construción da nova ponte de formigón na Estrada Nacional, a vella quedou liberada de boa parte do tráfico rodado.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …

3 comentarios

  1. domdacal@yahoo.com @@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@@

    Graciñas , Jose´Fonte, polos datos históricos que nos deches. Moi interesantes para coñecer os poucos datos da historia medieval de Galicia,tan iimportantes todos.

  2. Domingos Dacal Morgade

    Moi interesante todos os datos sobre a comarca brigantiña e os seus homes.