Requerimento a Urbaser por incumprimento do contrato en Narón

O Concello de Narón realizou a pasada semana un requerimento á empresa concesionaria do servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbáns e limpeza viaria, Urbaser, debido á gravidade derivada dunha conduta impropia do citado servizo.

A pasada semana un veciño da cidade remitía ó goberno local un vídeo no que se apreciaba como un operario da empresa baleiraba un contenedor amarelo, para depositar plásticos, no
camión de recollida de residuos orgánicos.

O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, subliñou que “o goberno local reproba este tipo de condutas e nada máis ter coñecemento dos feitos realizou un requerimento á empresa adxudicataria do servizo para que se pronuncie con urxencia sobre o que a todas luces é un incumprimento do contrato para a recollida selectiva”.

Á espera dese pronunciamento, Santalla avanzou que dende o Concello “adoptaremos ante este tipo de situacións todas as medidas que estean ó noso alcance para evitar que se repitan”.

O Concello de Narón, recordou o edil, organiza ó longo do ano varias campañas para fomentar a reciclaxe, “conscientes da importancia de respectar e coidar o medio ambiente”. Á vista do sucedido, o edil naronés recalcou que “somos moitos os veciños e veciñas da cidade que nos implicamos neste tipo de campañas e que separamos nas nosas casas, nos establecementos, empresas… os diferentes tipos de residuos”, e incidiu en que “é inadmisible que esa implicación ó final non sirva para nada debido a que nun dos pasos decisivos para a cadea de reciclaxe a concesionaria do servizo mistura os residuos”.

O concelleiro naronés agradeceu, como neste caso, a colaboración cidadá “para facernos chegar este tipo de condutas que non se van a tolerar e que non van quedar impunes, debido á súa gravidade” e animou ós veciños a continuar apostando pola recollida selectiva.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …