Ferreiro insta á Xunta á mellora da accesibilidade de viais autonómicos

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse este mércores, día 7 de setembro, a Santiago xunto cos edís de Urbanismo e Obras, Manuel Ramos e Pablo Mauriz, respectivamente, para reunirse co director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Francisco Menéndez.

A rexedora local solicitou a reunión para reiterar ao representante autonómico diferentes actuacións solicitadas xa no seu día á Xunta que requiren na cidade viais de titularidade municipal, debido ao estado que presentan actualmente.

Ferreiro subliñou que “unha das prioridades en materia de accesibilidade é a actuación que require a estrada de Cedeira, que en base a unha memoria entregada xa no seu día á Xunta e que novamente se abordou con Menéndez, precisa dunha intervención que rondaría os 600.000 euros”.

Ferreiro indicou que tamén se presentou na xuntanza un informe da Policía Local no que se constata o mal estado que presenta a vía nun tramo de algo máis dun quilómetro, o comprendido entre a glorieta da estrada de Castela que entronca coa AC-566 e a ubicada nas inmediacións do IES As Telleiras.

Elementos de formigón que estreitan o paso en beirarrúas dificultando o tránsito peonil, invasión de maleza, baldosas deterioradas, levantadas, soltas ou inexistentes… son parte dos danos que presenta actualmente o citado vial.

O proxecto, tal e como apuntou a alcaldesa, “contempla a renovación das beirarrúas existentes, adaptándoas á normativa de accesibilidade e, ó mesmo tempo sería importante aproveitar para renovar as canalizacións de servizos (abastecemento, alumeado…) que discurren polo tramo”.

A maiores, Ferreiro entregou informes nos que se reflectía o estado actual que presentan outros dous viais de titularidade autonómica, a AC-112 (estrada de Pedroso) e a AC-116 (Valdoviño por San Mateo e O Val).

En ambos casos, sucédense tamén, como reiterou a alcaldesa, os problemas no estado das beirarrúas e as invasións por maleza deses espazos. “Unha vez máis instamos á Xunta a que asuma as súas competencias e manteña en bo estado estes viais, dos máis transitados tanto por vehículos como a pé e que dende hai anos presentan graves deficiencias que non fan máis que agravarse co paso do tempo debido precisamente a esa falta de mantemento e compromiso coa nosa cidade e, polo tanto, cos nosas veciños”, denunciou Ferreiro

Lea también

O BNG de Narón insta ao goberno local a facerse cargo da xestión do servizo de madrugadores

O BNG de Narón leva ao pleno de abril unha moción na que insta ao …