A Sociedade Cultural e Recreativa «A Pombiña» acolle un espectáculo de ópera contemporánea

“Papaguena”, da compañía ButacaZero é un espectáculo de ópera contemporánea de Iago Hermo que se poderá ver o vindeiro 15 de outubro nas instalacións da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, na parroquia de Pedroso.

A cita, de case unha hora de duración, dará comezo ás 19.00 horas e diríxese a mocidade e público adulto, tal e como avanzou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón colabora coa Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña na organización deste evento.

A soprano Esperanza Mara, o barítono Jacobo Rubianes e o músico e compositor da ópera Iago Hermo son os piares desta peza, deseñada para os grandes teatros e tamén para espazos e vilas.

“Papaguena” é unha ópera electrónica que xorde da figura dun personaxe homónimo da Frauta máxica de Mozart. A través desta produción analízase e reescríbese este personaxe dende unha mirada actual en base a un dos maiores procesos de avance político e social dos últimos tempos: a loita contra o sexismo.

A entrada é de balde ata completar a capacidade da sala, tal e como se indicou. Así mesmo, Taibo recordou que aínda quedan algunhas prazas para inscribirse na actividade “Un saco de contos”, de María da Pontragha, que terá lugar o 19 de outubro no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro.

Trátase neste caso dunha proposta do programa Apego que dará comezo ás 18.00 horas e que require inscrición previa a través do correo: a.pita@naron.es (indicando nome da activiade, nome e idade do neno ou nena, nome da nai, pai ou persoa acompañante, enderezo electrónico e teléfono de contacto).

“Un saco de contos” é un espectáculo de narración oral dirixido a nenos de 3 a 6 anos, no que os contos e as cancións de tradición oral serán os protagonistas.

Lea también

Axenda en Narón do 13 e 14 de abril de 2024

Sábado 13 de abril de 2024 Actividade: “XIII Feira multisectorial agrícola” Hora: De 11:00 a 14:00 …