Emiliano Balás Silva. Un personaxe ferrolán entre dous séculos

O Foro de Amigos de Ferrol (F.A.F.) continúa os seus traballos sobre a Historia Grande e Pequena de Ferrol

O contexto do personaxe

Ferrol foi lugar de nacemento de variados personaxes. Foi o caso de políticos, José Canalejas, irmáns Franco e Pablo Iglesias; ilustrados, Lucas Labrada e Alonso López; pintores, Pérez Villaamil e Álvarez de Sotomayor; penalistas, Concepción Arenal; literatos, Torrente Ballester e Carballo Calero. Nesta ampla nómina hai personaxes pouco coñecidos, que non tiveron o debido recoñecemento posterior: é o caso de Emiliano Balás Silva, médico, escritor e pintor.

Os setenta e cinco anos de vida de Emiliano Balás transcorreron entre os séculos XIX y XX, vivindo en Ferrol, con estancias en Santiago y Sevilla, e viaxes a Madrid. Cando naceu, Ferrol tiña 3.500 veciños, algo máis de 16.000 habitantes de feito. Dentro dunha intensa actividade económica e social, aínda que cunha deficiente situación educativa na cidade, as entidades culturais e recreativas comezaban a súa andaina. O ano 1879 fundouse o Ateneo Ferrolán, en 1881 a Escola de Artes e Oficios, en 1892 inaugurouse o Teatro Jofre, en 1911 fundouse o Centro Obrero de Cultura, en 1915 comezou a súa actividade o Real Coro Toxos e Froles, e en 1925 inaugurouse o novo Casino Ferrolano.

A vida e obra de Emiliano Balás Silva

Neste contexto, Emiliano Balás exerceu en Ferrol unha intensa actividade. Home de sinxelas costumes, definido como un espírito inquedo e rebelde ante as convencións sociais, relacionouse cunha xeración de variados intelectuais: Santiago e Alfredo de la Iglesia, Comellas Coimbra, Nicolás Fort, Luís Mesia, Andrés Comerma, Pérez de Castro, Wenceslao Veiga, Leandro e Manuel de Saralegui, Cayetano Vaello, José de Pato, Cabo Pastor e Rodrigo Sanz, entre outros.

Emiliano Balás Silva naceu o 25 de maio de 1859 na rúa da Mercede no barrio de Ferrol Vello. De orixe francesa por vía paterna, foi fillo único de Juan Manuel Balás, mestre de víveres da urca “Santa Cecilia”, e de Juana María Silva. De boa posición económica e coa carreira de Medicina rematada en Santiago aos vinte e un anos, exerceu en Ferrol unha grande actividade en entidades profesionais e asociacións culturais.

Tras cursar a carreira de Medicina, levou a cabo os estudos de Belas Artes na Academia de Sevilla. De novo en Ferrol, no eido cultural presidiu o Ateneo Ferrolán o ano 1907, foi colaborador e Socio de Honra o ano 1917 Real Coro Toxos e Froles, impulsor das Irmandades da Fala, e conferenciante e colaborador do Centro Obrero de Cultura.

Ademais de ser un recoñecido pintor, no eido literario cultivou a poesía, o teatro e o ensaio, alternando o uso das linguas galega e castelá. Casado en Ferrol con Josefa Loureiro Maceiras, tivo dous fillos, José, enxeñeiro industrial e Juan, escultor e pintor.

Faleceu na véspera de San Xoán do ano 1934 na súa casa da rúa Alonso López, sendo enterrado no cemiterio de Canido.

Persoa moi culta e afeccionada á lectura, tivo unha ampla biblioteca onde alternaban clásicos franceses, ilustrados do século XVIII e libros de viaxes, ademais dunha selección de autores galegos. Foi membro correspondente da Real Academia Galega da Lingua e da Academia de Bellas Artes de Madrid, concelleiro do Axuntamento ferrolán, Presidente da Cámara Oficial da Propiedade, fundador do grupo “Scouts” de Ferrol, vocal do Colexio Médico, membro da Liga de Contribuyentes, presidente local do Partido Liberal e fundador do xornal “El Faro de Ferrol”.

Emiliano Balás e a pintura

A súa primeira vocación artística foi a pintura. O ano 1880 estudou na Academia de Belas Artes de Sevilla, xunto con artistas como Virgilio Mattoni e José Cañaveral, sendo alumno de José Arpa. Na súa obra pictórica pódese ver un singular contraste entre o alegre colorido e a luminosidade propia da escola sevillana, dos seus primeiros traballos, e o realismo de sobrios matices das mariñas e paisaxes aos que se dedicou posteriormente, sen deixar de practicar a pintura de bodegóns e outras obras cun peculiar colorido.


Xunto a outros pintores como Ildefonso Sanz ou Leopoldo Boado fixo unha significada contribución á vida artística de Ferrol, sendo considerado un pintor do mar e da costa ferrolá, en contraste coa súa anterior pintura colorista, lembranza do seu paso por Andalucía. Non obstante, a súa produción pictórica, louvada por artistas posteriores como Bello Piñeiro e Leyra Domínguez, é pouco coñecida; a maioría da súa obra é de propiedade da familia ou particular. Participou en diversos certames e exposicións na Coruña, Santiago, Madrid e na Habana, sendo nomeado membro da Academia de Bellas Artes de Madrid.

Emiliano Balás, escritor e poeta

Emiliano Balás cultivou diversos xéneros da literatura, a partires dos corenta anos, cando deixou de practicar a pintura. Foi colaborador da prensa, “El Faro de Ferrol” e “El Correo Gallego”, e nos órganos de difusión do Ateneo Ferrolán, do Real Coro Toxos e Froles e do Centro Obrero de Cultura. Tivo unha sostida colaboración con diversas revistas rexionais, publicacións de Madrid e revistas da emigración cubana e arxentina.

Da súa obra escrita en castelán cumpre destacar os seus variados traballos e conferencias nas publicacións do Ateneo Ferrolán, sendo a súa obra senlleira a primeira biografía do político liberal José Alonso López. Publicou ademais tres volumes de poesía en castelán que se editaron en Ferrol entre os anos 1904 e 1931: Rudezas de un cuarentón, La Europiada e La Expiación.

Emiliano Balás escribiu varias obras de teatro nun galego derivado da fala popular, algunha delas inédita, na súa colaboración co Real Coro Toxos e Froles, como Estranxeiro na súa terra e A noite de San Xoán. Cultivou a poesía en galego, sendo considerado como un epígono do Rexurdimento. Os seus numerosos poemas espállanse por varias publicacións: “El Eco de Galicia” e “Almanaque Gallego” de Buenos Aires, “Labor Gallega” e “Galicia” da Habana, “Vida Gallega”,  “Galicia Solidaria” e “A Nosa Terra” en Galicia.

A súa obra en galego foi recoñecida co seu nomeamento de membro correspondente da Real Academia da Lingua Galega. A rima e a temática das súas composicións é moi variada; poemas costumistas, dramáticos, humorísticos, líricos, descritivos e elexíacos, dotados dunha viveza e espontaneidade, mentres que a súa obra en castelán transluce a súa ampla cultura clásica e a súa formación humanística.

O seu galego apóiase na fala popular, cun vocabulario ricaz e costumista, de abondosos diminutivos. Como foi corrente na época, abusa dos apóstrofos e trazos, dando máis énfases ao fraseo e recalcando a fonética, mentres usa unha acentuación que inclúe a utilización do acento circunflexo. Ante a carencia dun modelo normativo, Balás Silva, como os escritores do seu tempo, estableceu o seu propio sistema lingüístico baseado nunha feble tradición escrita e nada normativa, o que lle da unespecial encanto e interese.

Desde o puntos de vista gramatical, a obra galega de Balás amosa vulgarismos (lástema, verdá, ánemas), metáteses (probiña, presona, melro, adrento); enxebrismos (crus, mau, rapás); hipergaleguismos (concencia, groria) e castelanismos (t´envexo, estuven). Emprega tamén lusismos (lonje) e “ferrolanismos” (mota, colo). Moitas veces usa o castrapo, un castelán agalegado, que se reflicte en expresións como ¡meu Dios!.

Como exemplo da súa poesía galega móstrase unha selección de varios dos seus

numerosos poemas.
A leiteriña

Choraba a neniña,         Choraba na rua,
choraba de pena,           na rua Travesa,
e á fío caíanlle                mirando escachada
as ardentes bágoas        a oliña e o leite
por ambas meixelas      correndo ante as pedras.

A terra d´o feitizo

E a groriosa terriña dós castros                 E a terriña que garda n´os cumes

que ergueron os celtas;                                mais altos d´a serra
a terriña mais guapa, mais doce,               e n´as fontes e limpos regatos
mais boa e mais meiga;                               manantes d´as pedras
e a terriña mais agarimosa                         os recordos de cen misteriosas
e mais feiticeira,                                           e antigas consellas
d´as fraguiñas e soutos d´encanto          a os rapaces, por vellos petrucios
e d´arrecendentes e ulidoras herbas.     ditas pola noite, cabo d´a lareira.

¡T´envexo!

¡T´envexo, mar da Frouseira                , ¡T´envexo, cando os montes
que pódeste desfogar                               ordenas d´asolagar
contra as penas da Mariña                     facendo temblal-o Cabo
e remexel-o areal                                      co as ondas, que mesmo dá
c´os teus tremendos cachós                   medo no peito, escóitalas,
. que en escuma se desfán!                     brua que te bruarás.

Cipriana

Aló soupo que mais adiante                  E sofrindo a coitada mil penas
encomeza xa o pobo, que foi                 a un cruceiro de pedra chegou
envexado de Roma outro tempo,         e n´as casas que preto aló vía
e oxe soilo esquencido quedou.            un socorro demanda por Dios.

A lembranza de Emiliano Balás

Como ocorre con outros persoeiros ferroláns, Emiliano Balás, notable pintor e literato, non ten unha placa nalgunha rúa ou praza que lembre a súa memoria, sendo unha persoa inxustamente esquecida nunha urbe que apoia de xeito indiscriminado a calquera personaxe ou manifestación cultural que veña de fora, mesmo co aplauso afervoado e paspán feito por persoal municipal e entidades culturais ferrolás, esquecendo a senlleiros homes e mulleres da nosa urbe.

Lea también

Confirmación das datas do I festival «Pontedeume vila do libro»

O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto …