Os gañadores da “Campaña Nadal Comercio de Narón” canxean os seus vales

As catro persoas que gañaron os vales de compra sorteados na “Campaña Nadal Comercio de Narón” gastarán entre este xoves 12 e venres 13 de xaneiro, o importe dos mesmos nos establecementos adheridos á iniciativa, impulsada polo Concello e a Asociación de Comerciantes de Narón.

Otilia Miragalla, veciña de Narón, saía este xoves 12, ás 10.00 horas, do Concello nun vehículo de cortesía cedido para a ocasión para gastar os 400 euros que recibiu nesta campaña. Unha hora máis tarde rematou as compras, nos establecementos Calzados Mara, Ubaldina e Bazar Bolívar. 

Ás 17.00 horas será o turno de Dolores Mariño, veciña de Ferrol, que terá que gastar o vale de 600 euros tamén en establecementos que se implicaron na campaña, preto de 80.

Na xornada do venres está previsto que realicen as súas compras Emilia Cagiao, que obtivo un dos vales de 600 euros, e tamén Verónica Rañal, cun de 400 euros, ambas veciñas de Narón. Os vales teñen que canxearse como mínimo en tres comercios que participaron na campaña. Unha persoa acompaña ós premiados durante o percorrido ata esgotar o importe dos seus vales.

A “Campaña Nadal Comercio de Narón” estivo vixente durante todo o mes de decembro do pasado ano e a través da mesma entregáronse catro cestas con produtos de Nadal e catro bonos nun hotel spa para dúas persoas cunha noite de aloxamento.

Dende o Concello valorouse a boa acollida da campaña e tamén a participación dos comercios da cidade, dos que se salientou a gran variedade de produtos que ofrecen e o seu trato directo e persoalizado coa clientela.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo de danza tradicional “Ceibe”

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana unha nova proposta, o …