O Concello de Narón impulsa un programa de prevención da depresión e mellora da saúde mental

O Concello de Narón impulsa un programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental“A saúde mental é cousa de todas e todos” é o título desta convocatoria que, tal e como avanzou o concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, se desenvolverá dende este mes ata xuño deste ano.

“Cada mes programaranse actividades abertas á participación da cidadanía en xeral, nas que se abordarán temas vencellados á prevención da depresión e outras doenzas e tamén sobre a mellora da saúde mental dende unha perspectiva biopsicosocial”, segundo indicou Galego.

A primeira cita será a vindeira semana, co inicio dun ciclo de conferencias que se impartirán no salón de actos do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. O sábado 18 ás 11.00 horas terá lugar a conferencia “Que é e que non é estar tolo?”, a cargo de Luis Muíño, psicólogo, psicoterapeuta, divulgador e escritor.

Así mesmo, o vindeiro sábado 25 de febreiro terá lugar a segunda das conferencias do mes, “Inflúe o que me movo na miña saúde mental?”, con Camilo Rivas, licenciado en INEF, fisioterapeuta e docente. A maiores, ó longo deste programa convocaranse charlas informativas sobre os protocolos de actuación en caso de depresión, que impartirán profesionais da Área Sanitaria de Ferrol e unha conferencia de apertura.

Galego indicou que “a prevención, o coidado e o autocoidado son aspectos nos que se fará especial fincapé para tratar de evitar problemas de saúde mental”. O edil naronés asegurou que “é moi importante ofrecer á cidadanía unha serie de ferramentas que lles sexan de utilidade á hora de enfrontarse a este tipo de problemas, ben sexa en primeira persoa ou para axudar a terceiros”.

Coa finalidade de coñecer máis polo miúdo estas doenzas e contar con algunhas das ferramentas á nosa disposición, o concelleiro de Sanidade animou á cidadanía a acudir ás conferencias programadas e ao resto de iniciativas que se leven a cabo a través deste programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …