Se convocan en Narón tres obradoiros para nenos a través do proxecto «Guizo»

A concelleira de Ensino do Concello de Narón, Mercedes Taibo, anunciou a posta en marcha dun novo proxecto municipal encamiñado a mellorar a socialización en galego dos nenos de 6 a 12 anos, denominado “Guizo”

Este mesmo mes comezarán a desenvolverse os obradoiros deste programa, que continuarán en marzo e abril e só requerirán inscrición previa para poder acudir, tal e como avanzou a edil. “Trátase dunha proposta impulsada dende o Servizo de Normalización Lingüística de Narón co que ofrecemos un espazo de lecer para familias que xirará ao redor do contacto coa natureza e do seu coidado, o respecto ao medio ambiente…”, explicou.

As tres propostas deste proxecto desenvolveranse no Centro Cívico Social do Couto, ás 11.00 horas, e poderán participar un máximo de doce menores, que deberán estar acompañados por unha persoa adulta. Fomentar a creatividade dos nenos, facer que valoren a importancia de coidar a natureza e a adquisición de coñecementos para trasladar á súa vida cotiá vivindo experiencias divertidas e emocionantes en galego forman parte dos obxectivos que persegue o programa “Guizo”.

As actividades a desenvolver son para gozar en familia e consistirán en iniciativas vencelladas á reciclaxe, a construción de xoguetes, a plantación e o coidado de sementes ou o sendeirismo, entre outras. A primeira proposta será un obradoiro de xoguetes sonoros, a cargo de Miudiño, no que utilizando recursos naturais e de refugallo os participantes construirán instrumentos musicais tradicionais.

Esta actividade levarase a cabo o vindeiro 18 deste mes e terá unha duración dunhas dúas horas. Poderán inscribirse a partir do vindeiro luns, 13 de febreiro, ás 10.00 horas. Un mes máis tarde, o 18 de marzo, programouse un obradoiro de follas de papel, tamén a cargo de Miudiño, no que os asistentes aprenderán a facer papel reciclado e uns fermosos marcapáxinas con formas de follas de árbores autóctonas.

As inscricións para este segundo obradoiro poderán tramitarse a partir do 13 de marzo ás 10.00 horas. A última das propostas será o 15 de abril, co obradoiro “Cociñando xabrón”. Un elegante xefe de cociña amosará a súa receita perfecta para facer xabrón, empregando aceite usado que traerán os asistentes e outros elementos reutilizados. As inscricións poderán realizarse a partir do 10 de abril ás 10.00 horas.

En todos os casos as persoas ás que se dirixe terán que anotarse a través do correo electrónico: a.pita@naron.es, debendo solicitar no mail a adhesión e incluíndo o nome, apelidos e idade do neno, o nome e apelidos do pai/nai ou titor, un correo electrónico e un teléfono de contacto.

Para consultar máis información sobre as actividades programadas dende o Servizo de Normalización Lingüística de Narón pódese consultar a web: www.naronengalego.gal (no apartado de actividades)

Lea también

Escolares do CPR Santiago Apóstol participaron na final do Club de Debate

Alumnado de terceiro curso da ESO do CPR Santiago Apóstol de Narón participou o sábado 13 na final …